Jano Muñoz, Vicente Prego, Antón Pulido, Jorge Perianes, Pilar Alonso, Ramón Trigo, Manolo Paz, Santi Jiménez, Bosco Caride ou Fernando Casás están entre os artistas reunidos para esta exposición. “Desaparece o espírito cronolóxico para apostar por unha exposición de corte temático, na que se pon o acento sobre os novos creadores da Galicia do século XXI, acompañados nalgúns casos por clásicos modernos”, subliñou Paloma Vela, responsable de Artes Plásticas da Obra Social NovacaixaGalicia durante a presentación da mostra.
A través de catro grandes bloques temáticos e 60 pezas de 52 creadores, a exposición traza un estudo do perfil de Galicia seguindo dous eixos: Galicia e O Home, e doutra banda: O mar, Verde País e Inquedanzas e Escenarios. As obras van acompañadas tamén de citas literarias, históricas ou sociais, desde extractos da obra de Manolo Rivas até reflexións de voluntarios durante a catástrofe do Prestige.
Actividades didácticas organizadas
‘O xogo das expresións’, para escolares de Infantil e 1º ciclo de Primaria: visitas obradoiro para aprender a ler nas expresións grazas ás obras dos artistas galegos.
‘A gincana da arte’, para escolares do 2º ciclo de Primaria e 1º ciclo da ESO: visita obradoiro para investigar, razoar e deducir a partir de pistas.
‘Coordenadas na arte galega contemporánea’, para 2º ciclo da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos: visitas obradoiro facendo un percorrido por catro partes esenciais de Galicia a través da obra dos artistas galegos contemporáneos: o mar, a terra, o home e a relación deste co mundo.
Información e reservas no 986 129 032 ou na web da Obra social de NCG.