Uns 30.000 rapaces e rapazas de 200 centros educativos de toda Galicia participarán no recitado colectivo en defensa da lingua como homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

Este mércores, 12 do 12 ás 12 da mañá, celébrase en multitude de centros educativos o evento Recitando Celso Emilio, organizado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

A actividade consiste no recitado público e colectivo do poema Deitado fronte ao mar, na mobilización a través das redes sociais do hashtag #recitandocelsoemilio e na elaboración de vídeos, performances, murais e outros materiais ao redor deste poema.

Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) réndeselle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que transmite toda a forza e a enerxía da súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.

A actividade, que se desenvolverá mañá mércores doce de decembro, ás doce horas, consta de tres accións simultáneas e complementarias:

  • Un acto colectivo de recitado público simultáneo do poema Deitado fronte ao mar,de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).
  • Un envío masivo a través das redes sociais do lema #recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar e de lemas a prol do uso ea promoción do idioma.
  • Elaboración de vídeos, debuxos, murais e outros materiais a partir deste poema.

A actividade central da iniciativa Recitando Celso Emilio vaise desenvolver de modo simultáneo en 200 centros escolares de toda Galicia, e está previsto que nela participen en torno aos 30.000 alumnos e alumnas, ademais dun número moi significativo de colectivos vencellados á comunidade educativa. Así mesmo, a actividade está aberta á participación doutras entidades e colectivos, como concellos, asociacións culturais, bibliotecas e clubs de lectura.
O obxectivo central deste acto é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos, cuxa temática é unha mostra do orgullo pola nosa lingua que desde a CGENDL queren promover. Pódese atopar máis información na web da iniciativa Recitando a Celso Emilio.

COMPARTIR

1 COMENTARIO

Deixa una resposta a 100% CEF | Botóns Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*