Código de boas prácticas ambientais en Nadal

Manual distribuído por Sogama para a época do ano na que máis refugallos se producen.

A xeito de decálogo, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) achega este pequeno manual dixital para axudarlle á cidadanía en relación á xestión dos residuos urbanos, a manter unha conduta responsable en Nadal desde a dimensión ambiental e económica.

Apostar por un consumo responsable, mercar con racionalidade, evitar envases e envoltorios innecesarios… Introducido polo presidente de Sogama, Luis lamas, o decálogo chama a atención sobre a necesidade de reflexionar en torno á inxente cantidade de refugallos que producimos día a día, un problema que nos afecta a todos, recordando a necesidade de que a modificación de hábitos aos que nos obriga a crise económica se manteña no tempo unha vez superada, xa que só así se poderá garantir unha xestión sostible do lixo.

O principio dos tres erres
O consumo racional e a adopción do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) constitúen as principais ferramentas a disposición da poboación coas que facer fronte á xeración desmedida de lixo, propiciando o reciclado e recuperación do mesmo.

O Nadal é, xunto co verán, a época do ano na que maior cantidade de refugallos xeran os fogares, sendo así que cobra especial relevancia o correcto depósito dos materiais en cada un dos contedores de recollida selectiva a disposición da poboación nas vías públicas. Neste sentido, recórdase que mentres o de cor amarela destínase a albergar os envases de plástico, latas e briks, o azul acolle o papel e cartón, o iglú verde os envases de vidro, e o verde convencional, os restos orgánicos e non reciclables, que Sogama consegue transformar en enerxía eléctrica.

Restos orgánicos e compost doméstico
Mención especial se fai ás sobras de comidas, tendo en conta que este constitúe un período no que se cociñan enormes cantidades de alimentos que, en moitos casos, acaban arroxados ao cubo do lixo. Non en van, a Comisión Europea alertaba recentemente de que desperdiciamos en torno ao 20-25 por cento da comida que adquirimos. É por iso que, no seu momento, Sogama non dubidou en editar un libro de receitas de cociña a partir de sobras de alimentos que os interesados poden descargar a través da páxina da entidade.

Respecto dos restos orgánicos, de xeito especial, sublíñanse ademais as posibilidades que ofrece o rural galego na fabricación de compost doméstico, unha práctica tradicional en Galicia coa que se contribúe ao coidado do contorno, pero tamén ao aforro de custos, podendo os concellos diminuír a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos e pagar menos a Sogama. E é que, de seguir esta vía, en torno ao 40 por cento do lixo convencional producido non se trataría nas súas instalacións, senón que se transformaría directamente en abono natural que as familias poderían utilizar a modo de fertilizante nos seus propios xardíns, hortas e terras de cultivo.

Tempo de xoguetes
No que lle toca aos xoguetes, aconséllase dar preferencia aos elaborados con materiais reciclados e reciclables, entregando os que xa non se utilicen a familias sen recursos e ata a organizacións que se encarguen de darlles unha segunda vida. Tamén se menciona que as pilas deben ser recargables, pois unha soa pila botón, aparentemente inofensiva, pode chegar a contaminar da orde de 200.000 litros de auga.

Descarga aquí o Manual de Boas Prácticas para o Nadal (.pdf)

1 COMENTARIO

  1. […] Na procura de aprendizaxe de valores básicos para o respecto ao medio ambiente, chega á rede unha nova entrega as aventuras da familia Trebón no Planeta Verde. Da man da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), os máis cativos poderán contemplar as peripecias dos personaxes durante a celebración do Nadal. De paso, recordámosvos que Sogama editou recentemente un Código de boas prácticas ambientais en Nadal. […]

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*