“(…) Pensar no que puiden e podo / debuxar para recordar todo / o universo xa”. Velaí tres versos dun dos 35 poemas infantís que se inclúen no catálogo divulgativo, consultable a través de internet, da mostra ‘Cores con Palabras’, cuxos premios se entregaron recentemente.
Aos premios concorreron un cento de pezas artísticas baixo as modalidades de Poesía e Pintura, da autoría de persoas maiores de 55 anos e menores de 13, respectivamente. As bases do certame dispuxeron que a segunda das modalidades, dirixida á infancia, xirase arredor das artes plásticas e tamén da figura dos avós, no marco da declaración do ano en curso como Ano Europeo do Envellecemento Activo e da Solidariedade Interxeracional.