Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra de Atención primaria. Centro de Salud de Camas (Sevilla). Grupo PrevInfad
A tarefa educativa dos pais cara aos seus fillos é complexa, longa e ancha como a infancia, e aínda máis aló. Abrangue moitos temas e moi variados. E en cada etapa hai retos novos e diferentes que afrontar:
- Ensinar o que é saudable e o perigoso.
- Mostrar o que debe facerse e o que non é apropiado.
- Que e como comer.
- A hixiene, a seguridade, o deber, a responsabilidade, o respecto aos outros…
É útil, necesaria ou apropiada?
É necesaria para establecer os límites entre o permitido e o que non pode ou debe facerse. Así, un bebé que comeza a desprazarse debe ser freado en seco cun NON! (alto e claro) se se dirixe á escaleira ou ao bordo dunha piscina ou quere tocar a porta do forno. É dicir, se está en perigo. De forma que o NON é unha ferramenta fundamental para a SEGURIDADE.
Pero a palabra NON pode “desgastarse” se se utiliza en exceso.
- Cando parece que todo está prohibido e se atopa no comezo de todas as frases. “Non fagas iso, non subas aí, non toques aquilo…” O neno faise insensible ou xordo á palabra NON, pois, polo xeral, é imposible evitar que faga tantas cousas; moitas delas, quizá, non teñan importancia.
- Cando se intenta cambiar moitas cousas á vez. É imposible lograr demasiadas metas ao mesmo tempo. É como lanzar varios dardos xuntos cara á diana: case ningún dará no albo. É mellor coller un cada vez e apuntar ben. E, en cada etapa da infancia, debe haber uns obxectivos. É mellor que o NON se reserve para asuntos verdadeiramente serios: as agresións ou os que implican risco para o propio menor.
- O NON tamén pode ser “desactivado” e tampouco funciona cando non se acompaña dun límite real. Por exemplo, se un crío está saltando no sofá e continúa facéndoo logo de dicirlle dúas veces que se deteña. Non hai que gastar máis munición. Basta con collelo en brazos, baixalo do sofá e afastalo un pouco ou deixalo xunto aos seus xoguetes mentres se repite a mensaxe por terceira vez. Alto e claro: “Non se salta no sofá”. Non hai que esperar á “enésima vez”, que é cando se dá un alarido e se solta un sermón (que tampouco servirá de moito a esta idade).
- Cando é unha incongruencia, por exemplo, se se lle dá unha losqueada á vez que se lle di “non se pega”.
Outra situación na que o NON deixa de funcionar é cando, involuntariamente, sorrimos ao dicilo. Isto ocorre a miúdo. E é que eses “tolos baixiños” teñen a súa graza e os seus trucos, como pór unhas cariñas irresistibles cando van tocar o que acabamos de prohibirlles. Depende do risco, claro. E o mellor é, unha vez máis, afastalos do lugar e da tentación e distraelos da idea de tocar os botóns da tele (ou o que queira que sexa).
E, se o tema é importante, pois entraña risco, aguantar o tipo e non rir baixo ningún concepto.
A medida que medran os fillos, os retos serán outros e os pais deben adaptarse. Cambiar de estratexia.
Ás veces confúndese firmeza con autoritarismo. Non educan mellor os pais que lles impoñen unha longa lista de prohibicións a seus fillos. Convén recordar que, se son excesivas, probablemente sexan imposibles de manter.
Non se trata de “impor” o noso criterio, nin unhas normas ríxidas. Algunhas regras deben ir cambiando coa idade dos fillos (horarios, tarefas, responsabilidades…) Só as que teñen que ver coa seguridade do menor e co respecto cara aos demais deben ser ben firmes.
Por outra banda, a progresiva madurez do fillo ou a filla esixe desenvolver máis habilidades de negociación. E é mellor darse un tempo para planificar a mellor estratexia para resolver con eles cada unha das situacións. Un NON apresurado adoita lamentarse. Aínda que é a saída máis rápida ante unha petición cando os pais están ocupados facendo algo. É mellor resposta dicir “espera a que termine isto e falamos diso” ou ben “téñoo que pensar”. Coa cabeza fría poderase analizar a cuestión, comprender os desexos do fillo, analizar todos os aspectos e negociar os permisos ou limitacións.
Porque o que máis custa é manterse firmes. E cando se di NON, pero logo non se evita o prohibido, non se mantén a norma ou non hai consecuencias por saltala, chega o fracaso educativo, o caos, a inseguridade, as discusións…
Lembren:
- A palabra NON serve para pór límites. É un valo de seguridade para protexer o neno dos perigos.
- A autoridade materna ou paterna debe apoiarse nunhas poucas normas, pero han de ser firmes e congruentes.
- O NON debe significar “NON se pode facer iso”. Pero debe haber poucas cousas realmente prohibidas.
- De nada serve dicir moitas veces NON se non se acompaña dun límite real.
- Un NON xunto a un sorriso equivale a un SI.
- Antes de responder un NON impulsivo ante unha petición, convén analizala. É mellor resposta “téñoo que pensar” ou “agora falamos, en canto termine isto”.
Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria