‘BrincaBolechas’

Os irmás Bolechas e seu can Chispa, de xira este Nadal por todo o país!

O novo espectáculo “BrincaBolechas. Circo de Nadal” xa anda por Galicia adiante. Os Bolechas estarán acompañados por moitos amigos cos que interpretarán diversos números cómicos, de malabares e musicais que farán as delicias de pequenos e maiores.

O Circo de Nadal é un musical infantil no que terá un especial protagonismo a banda sonora dos Bolechas, tanto os temas xa coñecidos como os novos que se están a preparar para a ocasión, novas cancións orixinais dos Bolechas que pronto se converterán nun novo éxito musical entre o público infantil galego.

Todo isto chegará a oito vilas e cidades de Galicia ao longo do Nadal, desde o día 26 de decembro ata o 7 de xaneiro. A primeira cita será en Lugo, no Auditorio municipal Gustavo Freire o mércores 26 de decembro. Ao día seguinte, o xoves 27, todo o equipo trasladarase ao Centro cultural Novacaixagalicia de Vigo, o venres 28 a cita será en Santiago, no Centro cultural Novacaixagalicia da rúa Preguntoiro e o sábado 29 de decembro, o espectáculo terá lugar no Centro cultural Novacaixagalicia de  Pontevedra. Xa en xaneiro, a primeira cita será o día 2 no Auditorio municipal de Ourense para trasladarse o xoves 3 ao Auditorio Municipal de Lalín e o venres 4 ao Teatro Jofre de Ferrol. E rematará a xira o luns, 7 de xaneiro, no Auditorio municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos darán comezo ás 18.30 horas.
As entradas, que teñen un custo de 5 euros para nenos e 7 para adultos.

BrincaBolechas está producido por Edicións Bolanda e Pistacatro e dirixido por Marcos PTT. Os mestres de cerimonias serán os artistas Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*