Nadal en Rede

Lingua de Reis, obradoiros musicais, postais electrónicas, guía de agasallos… Actividades da Rede de Dinamización Lingüística para estes días.

Do 14 ao 21 de decembro, Melchor, Gaspar e Baltasar, dentro da iniciativa Lingua de Reis, visitarán o alumnado de infantil e de primeiro ciclo de primaria dos colexios de Castro de Rei, Sober, Maside, Corcubión, A Baña, Aranga, A Lama, Cuntis e Mondariz-Balneario. Nestes encontros os e as pequenas comprobarán de primeira man que a lingua propia de Galicia é tamén Lingua de Reis (.pdf) e que as Súas Maxestades de Oriente queren recibir as misivas deste Nadal en galego.

Para facilitarlles aos nenos e ás nenas de Galicia enviarlles as misivas aos Reis en galego, a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) creou un modelo de carta aos Reis (.pdf) que a Secretaría Xeral de Política Lingüística xa fixo chegar 5.000 exemplares a 94 concellos. Amais, a secretaría dirixida por Valentín García, coa mesma finalidade de reforzar a presenza do galego na celebración do Nadal, enviou o Libro dos Reis (.pdf descargable de balde), editado por Galaxia, a todos os concellos da RDL para que as cabalgatas de Reis poidan contar con novidosas alocucións en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega máis actual.

Cánticos de Nadal
Pola súa banda, os obradoiros “Cantámosche os reis”, impartidos polos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk entre o 27 de decembro e o 4 de xaneiro, darán a coñecer entre as asociacións culturais e veciñais dos concellos de Mesía, Ribadavia, O Pereiro de Aguiar, Cerdedo, Cerceda, Moaña, Palas de Rei, Ames e Campo Lameiro cancións en galego para que celebremos as festas na nosa lingua e, á vez, recuperemos a tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país. Editouse tamén o folleto con exemplos da tradición ‘Contámosche os reis. Ademais, hai unha selección de postais electrónicas en galego coas que poder felicitarlles aos seres queridos e ás amizades e o catálogo dixital de regalos Este Nadal… agasalla en galego! Todo en Nadal en Rede.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*