Danza en xira: ‘O Quebranoces’

No 120 aniversario da estrea deste ballet, o Centro Coreográfico Galego lévaa a escena.

O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estrea este sábado 22 de decembro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa o Quebranoces, de Tchaikovski, coa que a unidade de danza da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio unha produción de ballet clásico.

Coincidindo coa celebración do 120 aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski lle puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Mercedes Suárez, directora do CCG e deste spectáculo; e Hervé Ilari, coreógrafo e bailarín francés que intervén no proxecto como asistente de dirección e repetidor, presentaron a montaxe este xoves na Coruña.

Tras a estrea en Vilagarcía de Arousa, este 22 de decembro ás 20.30 horas, o Centro Coreográfico representará esta produción nos outros sete escenarios confirmados ata o momento: Auditorio Municipal de Narón (27 de decembro), Pazo da Cultura de Pontevedra (28 de decembro), Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (4 de xaneiro), Auditorio Municipal de Arteixo (18 de xaneiro), Auditorio Mar de Vigo (26 de xaneiro), Pazo da Ópera da Coruña (do 5 ao 9 de febreiro) e Auditorio Municipal de Cangas (16 de febreiro).

Colaboración coas escolas de danza
A posta en escena do Quebranoces é a culminación dun proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións para a selección dos alumnos e alumnas dos 19 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Así, baixo a dirección de Mercedes Suárez e xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas no desenvolvemento dunha produción na que participan estudantes a partir de 7 anos e os seus profesores, así como os músicos e voces de tres formacións orquestrais e corais.

Cinco bailaríns profesionais seleccionados polo CCG –Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany– dan vida os case que 20 personaxes que interveñen co seu baile neste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles deste ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre.

Canda eles, bailarán os nenos e nenas seleccionados, cos que se realizaron grupos e quendas cara á súa intervención nas representacións que se leven a cabo nas localidades máis próximas ás súas de orixe. En Vilagarcía, por exemplo, actuarán un total de 42 rapaces da Escola de Danza Perla de Arousa, así como dun grupo de estudantes do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Ademais destes dous centros, no proxecto participa alumnado doutras dez localidades: A Coruña (Conservatorio de Danza da Deputación Provincial e Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade), Arteixo (Escola de Danza Cinderella), Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Ferrol (Asociación Mundo Danza e escolas de danza Jesús Quiroga e Matilde Pedreira), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Pontevedra (escolas de danza Deborah e Vaganova), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet
Estudio e Escola de Danza San Clemente) e Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro).

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*