Investigadores avalían os bos resultados en meniñas e meniños en fogares onde a música está máis presente.
Os resultados do estudo realizado por V. Putkinen, M. Tervaniemi e M. Huotilainen e publicado no European Journal of Neuroscience confirmarían a intuición respecto dos efectos beneficiosos dunha actividade musical diaria no desenvolvemento da sensibilidade auditiva dos cativos. A realización de actividades musicais informais parece reforzar os procesos vencellados a esta área durante a primeira infancia e ter unha influencia relevante nas habilidades auditivas posteriores, e non só na percepción musical senón tamén no procesamento da lingua oral.
Esta experiencia musical informal acumulada polos cativos en contornos onde se canta e baila de xeito habitual podería facilitar e tamén acelerar o desenvolvemento de funcións auditivas moi importantes para o proceso de aprendizaxe lingüístico. Ademais, segundo este estudo, as habilidades musicais dos proxenitores semellan non influír na cuestión: é dicir, non importa que sexan bos ou malos cantantes ou que entoen mellor ou peor, o importante sería a actividade musical en si: cancións conxuntas, baile, xogos con instrumentos improvisados, etc
Os investigadores mediron as capacidades auditivas de nenas e nenos de entre dous e tres anos a través dun electroencefalograma avaliando a súa habilidade para discriminaren sons. O artigo é de libre acceso na European Journal of Neuroscience: Informal musical activities are linked to auditory discrimination and attention in 2–3-year-old children: an event-related potential study