O Refugallo

Berrobambán e Bichakadela poñen en escena a obra coa que Paula Carballeira gañou o VI Premio Manuel María de literatura dramática infantil.

Subliñou no seu día o xurado do Premio Manuel María que O refugallo conxuga a diversión coa presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a cultura do consumismo, ao tempo que mantén un ritmo moi dinámico que a fan recomendable para os espectadores infantís e xuvenís. Para a súa posta en escena e co obxectivo de continuar afondando no achegamento das novas linguaxes escénicas ao público familiar, Berrobambán –cunha longa traxectoria en teatro infantil de actores e actrices– asociouse con Bichakadela, unha compañía de recente creación da que forman parte recoñecidos nomes do ámbito contemporáneo.

Unha proposta que busca achegar as novas linguaxes escénicas ao público familiar a través da
historia de catro amigos que crean un mundo novo a partir do vello e roto da súa contorna. Paula Carballeira, Nuria Sanz, José Campanari e David Loira dan vida a estes catro amigos que viven no refugallo: Isolda co seu libro de viaxes, Hipatia cun telescopio, Borobonte e a súa tartaruga, e Lustucrú cunha pata de pau. Xuntos xogan a construír un novo mundo a partir de todo o vello e roto que os rodea porque, como nenos que son, saben ver as cousas doutra maneira fronte a unha sociedade na que se impón o frenético consumo de usar e tirar.

O Refugallo tivo a súa estrea este sábado 19 de xaneiro no Salón Teatro, en Santiago de Compostela.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*