O Xogo da Reciclaxe

Un xogo ambiental de mesa iniciativa de Sogama e Ecoembes que se distribuirá en todos os centros educativos de Primaria.

No pasado curso académico a estrela foi o xogo xigante que circulou por colexios e localidades divulgado as boas prácticas ambientais. Desta volta, a Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes decidiron lanzar conxuntamente, co apoio de Sogama, o denominado “Xogo da Reciclaxe”. Trátase dun material educativo que pon a proba os coñecementos de nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, en torno aos bos hábitos medioambientais na xestión e tratamento dos residuos urbanos, pero tamén co obxectivo de conciencialos acerca da necesidade de investir maiores esforzos na práctica diaria dos tres erres, isto é, a redución, a reutilización e a reciclaxe.

Con formato de xogo de mesa, esta ferramenta de reforzo no aprendizaxe ambiental chegará nos vindeiros días aos centros de Primaria. Os seus promotores consideran que a súa dimensión lúdica facilitará a interiorización dos comportamentos que debe entrañar unha correcta colaboración por parte da cidadanía de cara a lograr que os refugallos se transformen en recursos de utilidade.

Unha aventura ambiental na procura da meta das boas prácticas

O xogo consta dun taboleiro, un dado, un reloxo de area, 50 tarxetas de probas (adaptadas a alumnos de 6 a 7 anos, e de 8 a 12 anos), 4 fichas de xogador en forma de peón e 16 fichas de puntuación representativas dos catro tipos de residuos, isto é, envases lixeiros, envases de cartón e papel, envases de vidro e fracción resto, constitúen os instrumentos fundamentais deste xogo, que se complementará cunha folla de adhesivos para personalizar as fichas de puntuación, un caderno de notas e a correspondente folla de instrucións.
 
Proclamarase equipo gañador o que primeiro chegue á meta e responda correctamente a unha proba elixida ao azar polos contrincantes, pero antes debe conseguir as fichas correspondentes a cada tipo de refugallo, o que lle obrigará a superar o circuíto proposto nas casas marcadas como “Premium”.
 
Cada tarxeta contén catro probas relacionadas coa reciclaxe e o coidado do medio ambiente. Pódense atopar distintas categorías: “Elixe”, que implica a selección dunha das respostas contempladas pola pregunta en cuestión; “Debuxa”, que consiste en que os compañeiros adiviñen o debuxado no caderno, pero sen falar; “Actúa”, intentando que, a través da mímica e mediante xestos e movementos, estes tamén deduzan o expresado; e “Responde”, contestando á pregunta cunha única resposta correcta. O xogo desafía así, a través de distintas probas, os coñecementos, habilidades e destrezas de rapazas e rapaces, que poderán mostrar non só o seu nivel intelectual na materia, senón tamén as súas dotes artísticas e de comunicación.
 
Obxectivo: incrementar as taxas de reciclado
 
As porcentaxes de reciclado son aínda moi baixas en Galicia. É por iso que o xogo centrarase fundamentalmente en ensinar aos pequenos a discriminar correctamente as distintas tipoloxías de residuos xeradas na súa actividade cotiá, incidindo sobre todo naqueles que presenten unha maior confusión. Pero, máis aló da correcta segregación en orixe, o xogo contempla tamén preguntas máis xenéricas sobre a orixe do papel, o aforro de materias primas e enerxía que implica a reciclaxe de determinados materiais, o tempo en que estes tardan en degradarse, etc.
 
O fin último é que, máis cedo que tarde, Galicia, que agora só consegue reciclar o 10 por cento do lixo xerado, logre superar a taxa estatal do 15 por cento, así como a media europea, posicionada no 25 por cento, encamiñándose cara o cumprimento dos obxectivos recollidos no plan galego de xestión de residuos urbanos 2010-2020, que contempla, entre outros, o incremento dos niveis de reutilización e reciclaxe, pasando do 10 por cento actual ao 30 por cento.

1 COMENTARIO

Deixa una resposta a Ana Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*