A Balea Negra

Imaxe: Ceto Barbato - Conradi Gesneri. Historiae animalium liber III qui est de piscium et aquatilium animantium natura, 1558, p. 246
No MARCO, en Vigo. Proxecto expositivo que xorde da crise provocada polo accidente do buque Prestige.

Nun primeiro momento, o seu propósito é rememorar e documentar un acontecemento que resultou crucial para Galicia e para España, no décimo aniversario do afundimento do petroleiro, 240 millas ao oeste de Fisterra. A marea negra que arrasou e contaminou as costas galegas —a partir de novembro de 2002 e ata ben entrado 2003— foi o detonante dunha mobilización social que esixiu que ‘Nunca Máis’ volvese acontecer algo parecido.

A exposición parte desta realidade concreta —que, como nos demostran as hemerotecas, foi un dos momentos, social e politicamente, máis intensos das últimas décadas— para contextualizala e interpretala nun marco máis amplo. Así, tomando á industria petrolífera e os múltiples factores que a rodean como unha das principais manifestacións visibles das sociedades contemporáneas, o proxecto ábrese a temas diversos como a explotación da natureza, o colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización ou a guerra.

A partir desta formulación, a exposición desenvolve estes contidos en senllos eixes espaciais e temporais que se entrelazan ao longo dun percorrido no que se combinan obras de arte e materiais documentais. Xunto a episodios relacionados con Galicia —dende o accidente doUrquiola en 1976 ata o presente, facendo fincapé na crise do Prestige— o proxecto reúne obras vinculadas a lugares tan dispares como Alasca, Estados Unidos, Iraq, México, Venezuela, o Cáucaso ou Nixeria. O punto de partida sitúase no vestíbulo de entrada, con dúas pezas de grande carga simbólica: un cranio de cetáceo intervido por Man —o ‘alemán de Camelle’ cuxo soño premonitorio serviu de inspiración para o título A balea negra—, xunto ao único fragmento que se conserva do petroleiro.

Deia o 31 de marzo de 2013. Salas de exposición da planta baixa do Museo de Arte Contemporánea MARCO (Rúa Príncipe 54, 36202 Vigo) Horarios: Martes a sábados (festivos incluídos): de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00h Domingos: de 11.00 a 14.30h. Entrada de balde.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*