Un mundo flotante: fotografías de Jacques Henri Lartigue

‘A máquina do tempo’ e ‘3D Feito na casa’ son as iniciativas didácticas que acompañan esta exposición.

“Ser fotógrafo é atrapar o propio asombro”. Durante toda a súa vida, Jacques Henri Lartigue (1894-1986) foi fiel a esa inquietude. Desde a infancia fotografou todo aquilo que lle conmovía, que lle facía feliz, que lle parecía belo e que lle servía para loitar contra o paso do tempo e o esquecemento. Recoñecido hoxe de forma unánime como un dos grandes nomes da fotografía do século xx, a súa obra constitúe un documento único dunha época e unha forma de vivir. Un mundo flotante.

Deica o 1 de febreiro aínda hai oportunidade de pasar a ver a exposición que o Museo de Arte Contemporánea (MAC) de Gas Natural Unión Fenosa acolle no seu centro da Coruña. A mostra acolle mesmo algunhas das primeiras imaxes que Jacques Henri Lartigue tirou, sendo apenas un cativo.

‘A máquina do tempo’
A primeira das iniciativas didácticas vencellada a esta mostra é A máquina do tempo. O apaixonante traballo de Lartigue será o pretexto para conversar sobre unha 
linguaxe que se volveu tan familiar (e, polo tanto, tan difícil de analizar) como o da fotografía. Prestando unha especial atención aos profundos cambios que o xénero do retrato, cultivado por todos nós nalgunha ocasión, experimentou ao longo dos anos, como consecuencia de factores  tecnolóxicos (tamaño e peso da cámara, sensibilidade e reutilización do soporte), económicos (custo da cámara e das copias) e ata ideolóxicos (funcións sociais da fotografía, prestixio e práctica frecuente en diferentes contextos e colectivos)

‘3D Feito na casa’
Logo de visitar a exposición, que inclúe algunhas das cámaras e visores estereoscópicos que o propio Lartigue utilizaba a principios do século pasado, ademais dunha serie de copias  fotográficas dobres que poden ser contempladas a través de visores modernos, explicaremos as bases fisiolóxicas e as razóns evolutivas da nosa visión en relevo, así como os diferentes procedementos que desenvolvemos para reproducir este efecto de xeito artificial (anáglifos, lentes estéreo-activas, cascos de realidade virtual?). Finalmente, e respondendo á nosa convicción de que esta faceta do traballo de Lartigue pode exercer un considerable atractivo sobre un público adolescente, rodaremos e veremos nosas propias micropelículas en 3D.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*