Por que hai que ensinar o Holocausto nas escolas?

Auschwitz-Birkenau State Museum - Retratos de Familia / Imaxe: UNESCO
A UNESCO expón a importancia deste tema educativo.

Este 27 de xaneiro, a UNESCO rendeulle tributo, como cada ano, ás vítimas do Holocausto. A data conmemora a liberación en 1945 e por parte das tropas soviéticas, do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau.

Por que un neno chinés ou africano debería aprender o que foi o Holocausto? Que relevancia pode ter este feito en lugares que carecen de vínculo histórico co xenocidio do pobo xudeu?

Que o Holocausto se converteu nunha referencia mundial no relativo ao asasinato en masa é unha idea cada vez máis aceptada. É un caso que implica unha serie de retos específicos no ámbito educativo, especialmente nas rexións que non sufriron o Holocausto. O profesor Yehuda Bauer, unha autoridade mundial na historia do Holocausto, afirma: “Aínda que un viva na África central, na China, no Pacífico sur ou en Suíza, hai que ser consciente do perigo que representa o xenocidio. A educación relativa ao Holocausto ten como obxectivo último poñer á humanidade o máis a salvo posible de semellante tipo de exterminio masivo”

Aprender este episodio histórico de alcance universal pode facer que os alumnos se impliquen nunha reflexión crítica do legado común da humanidade, as orixes do xenocidio e a necesidade de fomentar a paz e os dereitos humanos, para evitar que se produzan tales atrocidades no futuro.

Para celebrar o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto (27 de xaneiro de 2013), a UNESCO publica un novo folleto, titulado “Por que educar sobre o Holocausto?” (“Why teach about the Holocaust?”), que ofrece unha panorámica do ensino relativo a ese acontecemento. No folleto explícase que o Holocausto foi un momento histórico que marcou un antes e un despois, que o xenocidio non é inevitable, que os Estados e os cidadáns teñen responsabilidades, que o silencio contribúe á opresión e que os prexuízos e o racismo teñen orixes determinadas. Ademais, examínanse os desafíos e oportunidades que presenta a educación relativa ao Holocausto e ofrécese unha lista de materiais didácticos sobre o Holocausto e outros casos de xenocidio. 

Que tratamento pedagóxico se lle dá ao Holocausto nas escolas das diferentes rexións do mundo? En que países o Holocausto é parte dos plans de estudo? As respostas a estas preguntas poderanse atopar a finais de 2013 no proxecto auspiciado pola UNESCO e o Instituto Georg Eckert para a investigación internacional de libros de texto escolares. Por primeira vez será posible comparar as descricións do Holocausto que figuran nos manuais escolares e nos programas estatais de estudo. 

O ensino relativo ao Holocausto é un exemplo da forma de entender a educación que ten a UNESCO, que considera a educación o punto de partida para a construción da paz e o fomento dos principios de dignidade, igualdade e respecto mutuo entre todos os homes e mulleres.

Fonte: UNESCO

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*