Nace o Caderno Verde de Sogama

Portal educativo para axudar a introducir as boas prácticas ambientais no currículo escolar.

Co lema “Educación para un futuro sostible”, bota a andar o espazo en rede Caderno Verde, impulsado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) co apoio da Consellería de Medio Ambiente. A xestión dos residuos urbanos en xeral, e o cometido desta empresa pública en particular, constitúen os eixes centrais sobre os que xirarán as distintas actividades recollidas nesta plataforma web.

O principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e o labor de Sogama como complemento ás mesmas cobrarán especial protagonismo no Caderno Verde, nun contexto marcado pola coidadosa elección dos contidos, baixo criterios pedagóxicos, e o traballo no ámbito das actitudes cara á problemática que, a día de hoxe, representa a inxente cantidade de lixo producido e a implicación da cidadanía na súa xestión, tendo en conta que é precisamente a prevención, o consumo racional e a activa participación nos mecanismos de recollida selectiva, os piares que deben sustentar a colaboración da poboación; un xesto absolutamente necesario para garantir o posterior reciclado e, polo tanto, o notable aforro de enerxía e materias primas que este trae consigo.

O Caderno Verde nace coa convicción de que o medio ambiente, lonxe de ser un área de coñecemento independente, debe integrarse de forma transversal en todas e cada unha das materias recollidas no ensino regulado. De xeito inicial, o Caderno Verde acolle contidos para o primeiro ciclo da Educación Primaria: Aloia, Brais, Tomé e Mireia, xunto co avó Celso e o can Cirilo, son “Os amigos de Vilaverde”, personaxes que acompañarán aos escolares nunha nova aventura de aprendizaxe ambiental na que tamén participará a coñecida Familia Trebón, protagonista da serie de videocontos do “Planeta Verde” de Sogama.

Para isto a plataforma web de referencia nutrirase quincenalmente con unidades didácticas, pensadas tanto para o traballo na escola como no ámbito familiar, nas que o medio ambiente formará parte das grandes áreas obxecto de estudo tales como matemáticas, educación artística, coñecemento do medio e lingua castelá, galega e estranxeira. E é que o medio ambiente como tal non debe ser un área de coñecemento illada e desconectada do resto das materias obxecto de estudo porque, en realidade, éo todo, configurando o escenario no que se desenvolven as nosas vidas e no que os cativos se van formando progresivamente co obxectivo de converterse en adultos responsables desde todas as dimensións, incluída a ecolóxica, debendo esforzarse en preservar a integridade do seu contorno vital, o que fará posible o benestar e a calidade de vida.

Botóns (Portal Galego de Educación) colaborará na elaboración e difusión dos contidos do Caderno Verde.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*