Queres saber como traballan os científicos?

Explora DomusA Domus achega unha mostra sobre o Programa Diana, adicada ás bases moleculares e xenéticas das enfermidades e os seus tratamentos.

A exposición “Farmacoxenómica e Mediciña personalizada”, que agora se presenta na Domus, xorde como resultado do Programa Diana, un proxecto de investigación financiado pola Fundación Barrié e liderado por investigadores da Universidade de Santiago e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. O seu obxectivo é coñecer mellor a resposta aos fármacos en cada paciente en base ao seu perfil xenético e na procura dunha personalización dos tratamentos.

No Programa Diana, coordinado cientificamente polo doutor Ángel Carracedo, director do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela e un dos científicos máis relevantes internacionalmente na área da xenética clínica e forense, participaron máis de 100 investigadores e incluíuse o estudo pormenorizado de máis de 2.500 pacientes de patoloxías de alta incidencia como as cardiovasculares ou o cancro. 

En palabras do profesor Carracedo “o noso compromiso como científicos inclúe, ademais da mellora da calidade de vida a través das nosas liñas de investigación, o contacto dos nosos laboratorios coas aulas. Neste sentido, iniciativas como esta exposición e outros proxectos didácticos nos que participamos, axúdannos a divulgar socialmente a importancia das nosas investigacións e a participar na formación dos científicos do mañá.”

“Farmacogenómica e Mediciña personalizada” é unha exposición instalada na sección de Xenética da planta baixa de Domus. Con ela preténdese achegar á sociedade a investigación da medicina personalizada, a través dun conxunto de paneis e actividades que axudan a entender, dunha forma rigorosa pero amena, como os científicos estudan os perfís xenéticos poboacionais e o seu efecto sobre a resposta aos fármacos.

Así, por exemplo, os visitantes poderán coñecer cales son as ferramentas modernas para descifrar a información que contén o ADN, técnicas que xa permitiron secuenciar o xenoma de miles de organismos. 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*