Exposición no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).
‘Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia’ consta de 41 paneis temáticos e abondosos materiais orixinais: traballos de alumnos, estatutos, regulamentos, libros de actas, planos das escolas… Materiais que permiten reconstruír e interpretar o enorme labor educativo e cultural realizado a prol do desenvolvemento social e do progreso de Galicia desde a outra beira do Atlántico.
‘Luces de alén mar’ conmemora, dunha banda, a efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América, e doutra, as súas realizacións académicas e vizosas realidades nas localidades de procedencia dos emigrantes. Trátase, polo tanto, dunha mostra itinerante que expón e explica o compromiso das sociedades de emigrantes galegos coa instrución na súa terra de orixe. Neste sentido cómpre lembrar que varios centos de escolas foron construídas nas décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX grazas á multitude de iniciativas de intervención escolar mancomunada que xermolaron neste período. A mostra ‘Luces de alén mar’ está comisariada polo que foi primeiro coordinador científico do MUPEGA, o profesor universitario Vicente Peña Saavedra.
A exposición poderá ser visitada até o vindeiro 28 de xuño no primeiro andar do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). O museo permanece aberto de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h.
A entrada é gratuíta.