Viven nun tanque que recrea o ecosistema do fondo dun río galego.
Desde o 14 de febreiro de 2013 viven no Aquarium Finisterrae 20 lampreas, procedentes da Guarda. Viven nun tanque cilíndrico de 10.000 litros que recrea o ecosistema do fondo dun río de Galicia. Hai que remontarse a tempos dos romanos para atopar referencias a tanques de maiores dimensións destinados a aloxar lampreas: «Cayo Hirio prestou da súa piscina, soamente para as ceas triunfais do César, seis mil lampreas, que non quixo vender nin cambiar por ningunha outra mercadoría», segundo relatou Plinio.
Pasados dous milenios, as lampreas (Petromyzon marinus) seguen sendo un manxar moi apreciado. Agora tamén apreciamos a súa sorprendente vida: nacen no río como vermes cegos, que viven varios anos nos fondos fangosos. Ata que unha metamorfose transfórmaos no peixe adulto, que baixa ao mar e comeza chupar o sangue doutros peixes. Tras dous anos de vida parásita e bicos roubados, regresan ao río para reproducirse e morrer.
—Canto sangue chupan?
Unha lamprea cóme, ao longo do seu ciclo vital, preto de 20 quilos de sangue e fluídos corporais dos peixes que parasita.
—Estes vampiros acuáticos matan as súas vítimas?
As lampreas son depredadores prudentes: despois dun tempo soltan a presa (que a miúdo sobrevive) para pegarse a outra, nadando como un mísil teledirixido.