Comeza o curso sobre dano cerebral adquirido

Organizado en Vigo por Fegadace.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente do Sergas, e coa axuda de Alento, a asociación de dano cerebral de Vigo, un curso sobre dano cerebral adquirido.

A actividade desenvólvese durante as tardes deste luns 4 de marzo e do mércores 6 no Hospital Nicolás Peña de Vigo, e ten como obxectivo mellorar o coñecemento social desta discapacidade, incrementar a formación das persoas coidadoras e fomentar a autonomía persoal de todos os membros da familia á que afecta o dano cerebral adquirido.

A primeira xornada ten forma de ‘Obradoiro para coidadores de persoas con dano cerebral adquirido’. Comeza ás 16:00 hh. cunha charla sobre ‘Información e Orientación dende o traballo social’, impartida por Alba Fernández Formigo, traballadora social de Alento. A continuación, de 17:00 a 20:00, haberá un obradoiro sobre ‘Apoio rehabilitador e tarefas do coidador principal’ co fisioterapeuta Pablo Pérez Mariño, o psicólogo Fernando Vidal e a logopeda Araceli Oubiña Cacabelos.

A sesión do mércores titúlase ‘Do domicilio ao ámbito social no dano cerebral adquirido’, e comeza no mesmo horario, ás 16:00, cunha charla sobre ‘Promoción da autonomía, ocio e tempo libre nas persoas con DCA’ que imparte a terapeuta ocupacional do CHUVI Ana Mª Campoy. Na segunda parte, o psicólogo clínico do CHUAC Javier Sardiña falará sobre ‘O síndrome Burn-out nos coidadores principais. Pautas para afrontalo’.

O curso vaise desenvolver na Aula de Formación do Hospital Nicolas Peña (Avenida das Camelias, 109) de Vigo. A asistencia é gratuíta, o aforo limitado, e a inscrición pode realizarse
a través de internet na páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns: http://www.sergas.es/EscolaSaude/ (‘Actividades Docentes’). Aínda hai prazas para o mércores.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*