Ponte as pilas polo medio ambiente

Campaña de apoio á recollida selectiva de pilas en colexios e asociacións.

Co lema “Ponte as pilas polo medio ambiente”, a Consellería de Medio Ambiente e Sogama poñen en marcha unha campaña coa finalidade de incentivar a participación cidadá na segregación deste material caracterizado polo seu alto poder contaminante.

Nesta primeira fase os principais destinatarios son os grupos que, a priori, poden mostrar maior receptividade, servindo ao mesmo tempo como correa de transmisión nas boas prácticas ambientais. Así, vaise distribuír entre concellos, centros escolares de primaria e secundaria, e asociacións veciñais, culturais e deportivas, arredor de dous milleiros de recipientes ecolóxicos, fabricados a partir de polipropileno e presentados en formato de caixa pregada, cos que posibilitar a recollida fraccionada deste material e, polo tanto, o seu posterior reciclado en centros de tratamento específicos. O obxectivo último é que un refugallo destas características sexa xestionado conforme á normativa vixente, minimizando o seu impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública.

Se ben a xestión das pilas non entra no cometido de Sogama, o certo é que esta empresa pública, dada a presenza deste material na denominada bolsa negra (restos non reciclables) que trata nas súas instalacións, non dubidou en sumarse a unha campaña cuxo obxectivo é incidir na axeitada clasificación destes materiais, garantindo con isto a mellor xestión ambiental dos mesmos. Un dato a lembrar para sermos consciente da gravidade do problema e da necesidade de comprometerse como cidadáns: unha soa pila de botón, fabricada con óxido de mercurio, pode chegar a contaminar ata 600.000 litros de auga, cantidade superior á que bebe unha familia de catro persoas durante toda a súa vida.

A Fundación Ecopilas conta cun espazo web no que informa á cidadanía sobre os pormenores da xestión destes materiais.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*