A Hora do Planeta

Este sábado 23 de marzo. Apaga as túas luces de 20:30 a 21:30.

Desde hai sete anos, centos de millóns de persoas de todo o mundo, empresas, gobernos e centros educativos unen as súas voces en defensa do medio ambiente. A Hora do Planeta converteuse na maior campaña de mobilización e participación organizada.

En 2012, máis de 7.000 cidades de 150 países apagaron as luces dos seus principais monumentos e edificios emblemáticos, enviando así unha clara mensaxe: os xestos simbólicos poden xerar grandes cambios se conseguimos un compromiso global durante todo o ano.

A campaña tomou entón unha nova dimensión invitando os cidadáns a ir máis aló e adoptar medidas de aforro enerxético durante todo o ano. Foi o ano dos pequenos e grandes compromisos para crear un modelo de vida máis sustentable e respectuoso co medio ambiente. Foi o ano dos retos, dos desafíos e a gran pregunta Que serías capaz de facer para salvar o planeta?

Este ano, o colectivo WWF propón un novo desafío: crear unha comunidade global interconectada que demostre ata onde podemos chegar para cambiar o mundo no que vivimos: que todos, individuos, empresas, concellos e centros educativos, aposten por ser máis eficientes e autosuficientes no uso da enerxía e promovan as enerxías limpas para lograr, desta maneira, reducir o nivel de emisións de C02 do planeta. Usade a vosa imaxinación e as redes sociais para difundir a campaña. Cantos máis sexamos, máis forte se escoitará a nosa voz.

Que a inspiración dunha hora máxica sirva para construír un futuro sustentable.

O próximo 23 de marzo, de 20.30 a 21.30 apaga a luz: A Hora do Planeta

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*