Enfoque preventivo dos celos infantís

Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra de Atención primaria. Centro de Salud de Camas (Sevilla). Grupo PrevInfad.

Os celos son unha reacción normal, pero non é a única (reacción) que ten un neno cando nace un irmanciño. Tamén se alegra, asómbrase, intrígalle, considérao seu, quéreo abrazar e tocar, etc.

A miúdo, as persoas adultas danlle moita importancia a unha conduta concreta (sexa de celos ou unha simple desobediencia) e xa se cataloga a TODO o neno como de “celoso”, “desobediente”… Si, a tendencia á xeneralización é moi habitual, pero non é útil.

En relación aos celos infantís, é frecuente oír que os pais expresan a súa preocupación sobre as futuras reaccións do “príncipe destronado” ante a chegada dun irmán e desexan saber que facer para facilitar a súa adaptación ao novo irmán.

Os celos son unha mestura de emocións básicas. Por unha banda o agarimo: o neno quere de verdade (e moito!) a seu papá, súa mamá, o novo irmanciño… pero, ao mesmo tempo, sente rabia de que o irmán monopolice a nai; de que chore e súa nai pareza preocupada; de que antes recibía o 100% de todas as atencións e xa toca a moito menos (baixar ao 50% é un “desconto” moi importante!). Para algúns nenos, a estancia da nai no hospital con motivo do parto cáusalles profunda angustia. Quizá é a primeira vez que se separan dela e vena cansa, con pinta de enferma e, de forma inconsciente, culpan o novo bebé de que súa mamá xa non está radiante e disposta a xogar todo o día.

E, aínda por riba, algúns adultos da contorna familiar, sen querer e, a maioría das veces, coa mellor intención do mundo, bótanlle leña ao lume con comentarios desafortunados, un pouco misteriosos ou de dobre sentido…
“Non vaias ter celos de teu irmanciño…!”
“Voume levar o teu irmanciño…!”
“Ti tes que esperar, que agora tócalle a teu irmanciño….”
“Agora, o irmanciño é quen ten que estar con mamá”

Flickr: http://www.flickr.com/photos/toddwickersty/8197266140/

Por iso propoñemos un enfoque en positivo e a longo prazo.

ANTES DE QUE NAZA O BEBÉ

Dáse a noticia e compártese.
Normalízanse a xestación e o nacemento (“Igual que cando ías nacer ti”)
Explícaselle por anticipado que mamá vai estar dous días fóra da casa porque é no hospital onde vai nacer o irmán.

CANDO XA NACEU
Permíteselle ir coñecer o irmanciño en canto sexa posible.
Déixaselle que o toque, que o abrace ou que o colla en brazos (supervisando, claro)
Déixaselle que o mire e sinálanse as súas partes. Os bebés son graciosos, sorprendentes nos seus xestos…
Invítaselle a que meta un dediño na man do bebé. Isto desencadea o reflexo de “prensión” e o puñiño pecharase sobre ese dedo. É o momento de alegrarse e dicir: “Mira, cólleche a man; xa che empeza a coñecer. Pronto quererá xogar contigo”.

Evidentemente, aleitar, cambiar e coidar o bebé consome tempo, pero iso non quere dicir que o novo bebé necesite a exclusiva total. Todas as cousas que se lle fan ao bebé pódense facer co irmán maior á beira, mentres se lle fala, cóntanse anécdotas, ou ensínanselle habilidades… O maiorciño non estorba, senón que aprende. Falarlle ao maior significa ir sementando xa palabras no cerebro do máis pequeno. Pedirlle favores serve para estimular que desenvolva habilidades. E debe saber que a súa axuda é agradecida.

É moi corrente que se compare, aínda que é mellor evitalo. Cada neno é unha PERSOA. Só se poden comparar situacións: “Cando ti eras pequeno, como Xan, tamén tiñas un carriño, ou tamén che fixemos fotos, ou tamén tomabas teta todo o tempo….”

O feito de ser agora un neno “maior” non só debe esixir sacrificios (“tes que esperar”, “tes que axudar…”). Tamén debe ter vantaxes.

Débese ser xeneroso con frases de eloxio: “Como me gusta o ben que fas iso. Vese que medraches, que te estás facendo maior” “Estou moi orgullosa de ti; fuches capaz de esperar a que cambiásemos a Laura aínda que tiñas fame e querías merendar…”

Convén buscar o momento de dedicarlle un pouco máis de atención. Un intre privilexiado a soas cun dos seus papás (“canto me gusta xogar contigo, ou que saiamos xuntos ao parque, ou que vaiamos xuntos ao cine”), ler un conto á hora de durmir (“gozo moito cando lemos un conto”).

CANDO MANIFESTA CELOS
É acertado “anticipar” os momentos xa que é probable que o irmán maior faga algún intento de recobrar o protagonismo (adoitan ter sempre gañas de facer pis ou calquera outra cousa “xusto” cando toca aleitar o bebé). Entón prepárase o escenario con antelación: “Ven, trae esa cadeiriña e un conto, que Irene ten que comer. Lesme un conto ou lémolo xuntos. Ou lémosllo ao bebé… e así gozamos os tres de estar xuntos”

Por suposto, non se debe esquecer que hai que poñer límites:
Non se lle pode facer dano ao bebé.
Non podes coller o bebé ti só.

Para rematar, debemos recordar que un punto esencial é ACEPTAR as emocións básicas. Incluso os celos e a rabia. Para o neno resulta complicado ter que manexarse con dúas emocións contrarias. Pero iso pásanos case cada día aos adultos.

Que pasa se o maiorciño di “Non quero o irmanciño”, “É moi feo”, “Devólveo ao hospital”, “Que o leve fulanita…”

Non serve para nada e é contraproducente dicirlle que iso non se di ou iso non se sente. El sénteo así. Punto. É un sentimento.
Hai que explicarlle que é normal que algún intre o queira moito e algún outro momento lle dea moita rabia que o bebé veña a súa casa a alterar os seus costumes.
Hai que axudarlle a que entenda e descubra que ten tamén un sentimento de agarimo; que o descubra e goce.

E para isto:

Hai que devolverlle máis agarimo.
Hai que asegurarlle unha e mil veces que o seguimos querendo…

Nesta situación, os nenos son máis vulnerables ás críticas e hai que insistir en que se debe corrixir a conduta que está mal, pero respectando a persoa. Ou sexa, que non se debe dicir “Es un zoupón, derramaches a auga” senón “Caeuse a auga; veña, ensínoche como se recolle”.
Nin tampouco: “Es malo. tiraches o cochiño no berce do bebé”, senón: “Non tires o cochiño no berce do bebé, porque lle podes facer dano”

Para lembrar:
Os celos son unha reacción normal que, seguramente, vaise manifestar nalgunha ocasión, pero serán as menos.
É unha mestura de agarimo e rabia, difícil de procesar polos nenos pequenos.
Convén que o neno saiba que é normal sentir cousas opostas e darlles nome.
Débese dedicar atención ao irmán maior, que goce da súa nova condición, que se sinta importante.
Os nenos pórtanse mellor cando reciben agarimo incondicional e aprobación.
É moito máis frecuente observar no irmanciño maior reaccións de apego, como coidar, tranquilizar, arrolar o bebé… E axiña serán dous divertíndose xuntos.

RELACIONADA: Os ciumes infantís

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*