Prevista para o pasado 16 de marzo, a primeira saída do Proxecto Ríos para este 2013 foi adiada ao 7 de abril.
O primeiro Roteirríos 2013, desta volta destinado a coñecer iniciativas de Custodia fluvial, transcorrerá nunha ruta aberta a toda a cidadanía que percorrerá o novo tramo de pesca sen morte creado ao abeiro do Proxecto de Creación dunha rede de Custodia fluvial nas bacías do Ulla Umia Lérez. Iniciativa de ADEGA financiada con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e o AGADER que se desenvolve no Grupo de Desenvolvemento Rural número 20, nos concellos de Forcarei, Cuntis e A Estrada.
O tramo de pesca sen morte situado no concello de Forcarei, foi promovido pola CMVMC de Presqueiras en colaboración coa sociedade de Caza e Pesca de Forcarei, conta co apoio de varias asociacións como Asociación Cultural Pataqueiros de Millerada ou a Asociación de Moz@s de Forcarei. O tramo enmárcase nas accións baixo o nome “Pesca sostible na bacía do Lérez”, un dos proxectos promovidos nas tres bacías. Outras iniciativas que se están a realizar na bacía do Lérez é a recuperación dunhas levadas de antigos muíños que alén de ser patrimonio paisaxístico e etnográfico, servirán como hábitat para especies piscícolas de gran valor ecolóxico neste río que forma parte da RN 2000.
O roteiro será circular, de dificultade media e cunha lonxitude de 14kms aprox.
Máis información na web de Adega