Aproveitando para presentar a que será a Primeira Reserva Internacional Fluvial da Unión Europea.
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), a través da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, organizou o acto do Día Mundial da Auga, que se levou a cabo no CPI de Crespos, concello de Padrenda. O acto estivo presidido polo Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.
O obxectivo da xornada foi o achegamento aos máis novos para sensibilizalos e recordarlles a importancia vital que ten a auga na nosa sociedade, ademais de mostrarlles o labor que realiza a CHMS na súa bisbarra e máis concretamente as actuacións nos ríos Troncoso e Leboreiro que se están a executar a través do proxecto internacional CARISMA – Calidade Ambiental das Reservas naturais fluviais internacionais do Medio Acuático.
Este proxecto nace do esforzo común de varias Administracións de poboacións limítrones entre España e Portugal polas que discorren os ríos Troncoso e Leboreiro e conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no que a CHMS é a encargada de coordinar un plan de acción, coa colaboración da administración hidráulica homóloga no Norte de Portugal – ARHNORTE-, as Cámaras Municipais de Melgaço e Arcos de Valdevez e os concellos ourensáns de Padrenda e Entrimo.
Os escolares puideron aprender, a través do conto “Unha ponte de amizade”, que os ríos, máis que barreiras de separación, poden converterse en pontes de proximidade e unión entre poboacións limítrofes. O relato ilustra ademais outra significativa actuación do proxecto Carisma, coa construción dunha ponte de madeira que une as poboacións de Entrimo, Melgaço e Arcos de Valdevez.
“Cóntanos do teu río”
Baixo o lema escollido este ano por Nacións Unidas Cooperación na esfera da Auga, o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, acompañado polo presidente da CHMS, Francisco Marín, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro e o alcalde de Padrenda, Manuel Pérez, entre outras autoridades, fixeron entrega dos premios do concurso de debuxo e narrativa aos mellores traballos presentados polos escolares baixo o epígrafe “Cóntanos do teu río”.
Proxecto Carisma
Durante o acto debullouse o conxunto de actuacións que compoñen o mencionado proxecto Carisma, entre as que destaca a recuperación do sendeiro peonil que discorre paralelo ao río Castro Laboreiro en Olelas -Entrimo-, dende as inmediacións do núcleo de Olelas ata a vila do país veciño de Ribeiro de Baixo, zona que goza dunha paisaxe de extraordinaria beleza cunha sucesión de fervenzas ao longo do trazado. Por outra parte, realizarase un proxecto de acondicionamento da marxe dereita e substitución de pasarela peonil no río Troncoso que comunique España con Portugal.
E, por último, outra das actuacións máis importantes deste proxecto é a substitución da antiga EDAR de Pontebarxas para tratar a auga residual que xera a poboación neste momento, por unha nova depuradora que se situará no mesmo lugar que a actual e que será capaz de tratar a auga residual para unha poboación de 600 habitantes. Esta obra será cofinanciada entre a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Padrenda e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Juárez destacou a importancia das actuacións levados a cabo pola CHMS no proxecto CARISMA, que “poñen de manifesto unha filosofía de unión entre as poboacións transfronteirizas en prol de crear un revulsivo económico e de axuda á dinamización do turismo ambiental da zona”. Tamén se salientou a implicación dos máis novos nas accións do coidado dos ríos pois “sobre eles recaerá no futuro a responsabilidade deste ben tan prezado sen o cal non é posible un porvir digno”.
Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, Francisco Marín, fixo un chamamento a seguir polo camiño da colaboración entre os distintos organismos que interactuar sobre un territorio, xa que “por vez primeira en Europa, administracións de diferentes países se poñen de acordo para protexer e poñer en valor ríos compartidos, para converter os ríos transfronteirizos, Troncoso e Leboreiro, na Primeira Reserva Internacional Fluvial da Unión Europea”.
Gañadores do concurso “Cóntanos do teu río”:
DEBUXO |
NARRATIVA |
Categoría 3 a 9 anos |
|
1º Premio: Noa Gómez Sabucedo | Laura Rodríguez Martínez |
2º Premio: Antía Carpintero González | |
Categoría 10 a 14 anos |
|
1º Premio: Cecilia Cid Sousa | Iker Álvarez Álvarez |
2 º Premio: Uxía Domínguez Alonso | |
FINALISTAS |
|
DEBUXO |
NARRATIVA |
Categoría 3 a 9 anos |
|
Oliver Míguez Alonso | Tamara Araujo Lemos |
Categoría 10 a 14 anos |
|
Santi Labrador Ibarz | Hugo Gómez Sabucedo |