Manifesto difundido coincidindo coa data sinalada pola ONU.
O 27 de novembro de 2007 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou unha resolución que declara o 2 de abril como Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. Con motivo desta data para a sensibilización cidadá, o colectivo Autismo España lanza o seguinte manifesto neste ano 2013:
Unha vez máis, puntuais á nosa cita, volvemos dirixirnos a vós neste Día Mundial de Concienciación do Autismo que este ano quere unirse a outra conmemoración de gran importancia para todas as persoas con discapacidade, e para as persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) en particular. Este é o ano europeo da Cidadanía Activa, que pon de relevo o papel fundamental dos cidadáns, de todos os cidadáns, na construción dunha sociedade participativa, inclusiva e igualitaria no goce e exercicio dos seus dereitos.
A participación social nunca foi tan necesaria como o é hoxe. Participar é imprescindible para o crecemento da sociedade, para o enriquecemento da nosa vida en comunidade e, sobre todo, para promover o goce dos dereitos dos colectivos máis vulnerables e con maiores riscos de verse excluídos deste ámbito, como son as persoas con TEA, e tamén as súas familias.
A participación cidadá das persoas con TEA implica retos significativos. Nos últimos anos producíronse importantes avances no recoñecemento deste e outros dereitos das persoas con discapacidade. Hai cinco anos que a Convención Internacional dos Dereitos das persoas con Discapacidade forma parte do ordenamento xurídico do noso país, e aínda que supuxo un logro fundamental no recoñecemento dos dereitos deste colectivo aínda estamos moi lonxe de alcanzar o exercicio pleno dos mesmos e a garantía de que as persoas con TEA gozan da participación social e comunitaria que lles corresponde, como cidadáns de pleno dereito.
Este é un reto que require unha decidida e ampla implicación social, na que diferentes axentes colaboren de xeito estreito. Sabemos que son tempos complexos, pero é nestes momentos cando se fai máis urxente a unidade, o apoio mutuo e a colaboración para conseguir fins comúns de todos aqueles que nos atopamos vinculados e comprometidos co avance no recoñecemento e exercicio efectivo dos dereitos das persoas con TEA e das súas familias.
É necesario que a sociedade escoite a nosa voz e que quen nos observa desde a distancia teña presente as nosas necesidades, os nosos dereitos e que, ao mesmo tempo, se acheguen a nós sen prexuízos. É fundamental que exista e se visualice a realidade dos Trastornos do Espectro do Autismo, e se abandonen vellos mitos e falsas crenzas que se manteñen na actualidade sobre as persoas que presentan este tipo de trastornos. Neste sentido, cremos que existe unha verdadeira necesidade de coñecer e de darlle a coñecer o autismo á sociedade.
As Administracións Públicas e os seus representantes teñen unha importante responsabilidade en tanto que a súa voz, presente en organismos nacionais e internacionais, é clave para conseguir o avance no goce dos dereitos do noso colectivo.
Para iso, é fundamental que impulsemos un labor conxunto, na que os principais interesados en que isto suceda nos mostremos unidos e nos orientemos a unha finalidade común, conseguir a participación activa das persoas con TEA na sociedade e o goce dos seus dereitos en igualdade de condicións co resto dos cidadáns.
Poida que no futuro poidamos celebrar o Día Mundial do Autismo sen ter que aludir á necesidade da concienciación. Será un sinal inequívoco de que alcanzamos un dos nosos obxectivos máis importantes. Ata entón, a sociedade poderá atopar en nós unha sincera invitación a coñecernos como colectivo, a participar na nosa realidade e a apoiar a un sector dos cidadáns que forman parte dunha sociedade na que todos debemos ter cabida.
Hoxe, máis que nunca, mostramos que o mundo do autismo non está feito de silencio nin de illamento.
Este Día Mundial de concienciación do Autismo procura combinar polo tanto dous conceptos fundamentais para definir as bases do progreso: concienciar e participar. Palabras que van moito máis alá desta xornada, que deben formar parte do noso día a día, porque sobre elas tamén descansa unha premisa social básica: o dereito á igualdade de oportunidades de todos os cidadáns, e con iso á inclusión e participación social activa.