O 2 de abril de 1998 nacía unha editorial que marcou un punto de inflexión na edición de literatura infantil en Galicia. Nestes quince anos de andaina, Kalandraka converteuse nun referente máis aló das nosas fronteiras ao levar publicados máis de 1.300 títulos infantís en diversas linguas do mundo.
Durante este tempo a editorial pontevedresa conquistou primeiro o mercado galego e nun segundo paso outros próximos como o portugués, o castelán, o vasco ou o catalán. Nunha segunda xeira, a editorial proseguiu a súa internacionalización penetrando nos circuítos literarios infantís de países como Italia, México e Brasil.
Kalandraka celebra os seus quince anos cunha nova aposta: a comercialización do seu catálogo por internet. Dende esta semana vanse poder adquirir dende calquera lugar do mundo, a través dunha plataforma de comercio electrónico aloxada na páxina da editorial, todos os libros que teñen dispoñibles. A ferramenta, de software libre, foi desenvolvida pola empresa informática galega Igalia.
Fonte: Letra en Obras