A mascota de ‘Xaquedrum’ busca nome!

Deica o 7 de abril segue aberto o prazo de recepción de propostas.

A Asociación Cultural Xaquedrum, entidade coa que Sogama vén colaborando para o fomento da práctica do xadrez entre a poboación en xeral, e os escolares en particular, busca nome para a súa mascota. Con tal fin, convocou un concurso, aberto a todos os escolares de Infantil e Primaria que cursen os seus estudos nalgún dos centros educativos do concello de Lugo. A participación farase efectiva mediante a entrega da correspondente tarxeta a algún dos monitores da asociación, ou ben enviando un correo electrónico ao enderezoxaquedrum@gmail.com.

O prazo para formar parte desta iniciativa concluirá o próximo 7 de abril, e a resolución do xurado farase pública o día da presentación oficial da mascota. O primeiro clasificado recibirá un xogo da reciclaxe cedido por Sogama, ademais dun balón de fútbol desta entidade e un vale de 30 euros para o “Faro dos tres mundos”, espazo educativo creado en Lugo e no que se traballa o concepto de Intelixencia Cultural a través de obradoiros, libros, contos e xogos educativos, dirixíndose especialmente a nenos/as de 6 a 14 anos co propósito de que poidan coñecer máis de perto culturas emerxentes como a da India, China e Xapón.

O xadrez, todo beneficios
Diferentes estudos confirman e acreditan que o xadrez mellora a intelixencia, ademais de incrementar a capacidade de concentración, o razoamento lóxico e a resolución de problemas, así como a capacidade lectora e matemática.

E é que unha partida de xadrez esixe tal nivel de concentración, que os xogadores poden illarse do contorno, tomando decisións rápidas e continuadas. Tamén contribúe a fomentar a creatividade e a memoria. De feito, para practicar esta disciplina requírese o funcionamento dos dous hemisferios do cerebro: o esquerdo, encargado de recoñecer as pezas, e o dereito, destinado a identificar patróns e xogadas a realizar.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*