Unidos pola Saúde Mental: FEAFES cumpre 30 anos

O colectivo celebra o seu aniversario este 6 de abril advertindo sobre os problemas na atención xerados polos recortes.

“Avanzamos moito nestes 30 anos, pero ninguén nos regalou nada”, subliña José María Sánchez Monge, presidente da Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES). Significativas palabras cando este sábado 6 de abril esta organización estatal conmemorará os seus 30 anos de fértil traxectoria. Foi o 6 de abril de 1983 cando tres asociacións de ámbito provincial en Araba, Murcia e Valencia fundaban a primeira plataforma estatal en defensa das asociacións de persoas con enfermidade mental e as súas familias. Hoxe en día, o esforzo compartido e as novas asociacións que progresivamente se foron creando ou adherindo ao proxecto suman un total de 290 entidades e agrupan unha base social de 45 mil persoas.

Un período no que foron decisivos para que a atención á saúde mental non teña nada que ver coas vellas e caducas institucións psiquiátricas. E é que non fai moito que calquera persoa cun trastorno mental víase abocada a unha reclusión nun hospital psiquiátrico, os chamados “manicomios”, ou ao coidado duns familiares que non recibían ningún tipo de apoio nin formación para realizar esta tarefa. Era o tempo no que as enfermidades mentais se consideraban case como unha maldición crónica, e a atención centrábase en controlar os síntomas das persoas diagnosticadas e, por desgraza, non en buscar a súa recuperación.

Para conmemorar este aniversario, a entidade elixiu o lema “FEAFES, 30 anos unidos pola Saúde Mental”. Con el, pretenden reflectir a necesidade de unión para conseguir melloras, tanto “entre persoas con trastorno mental, familiares e profesionais” como “entre as distintas entidades do ámbito da Saúde Mental, a Discapacidade e as Administracións Públicas”.

Un presente afectado pola crise
Os importantes avances neste período, advirten desde FEAFES aproveitando a conmemoración, non debesen verse freados na actual conxuntura de crise económica. Un contexto que “pode poñer en perigo moitos dos avances conseguidos nos últimos anos”. De forma específica, os recortes orzamentarios están afectando principalmente á rede pública de atención, aos apoios previstos na Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, así como provocando atrasos nos pagos da Administracións Públicas ás súas entidades.

Recomendámosvos a web de FEAFES Galicia

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*