Día Internacional do Pobo Xitano

Cartel obra da ilustradora xitana Montse Motos Jiménez
En favor “dunha sociedade máis digna, máis xusta, máis decente para todos, tamén para os xitanos e as xitanas”.

A elección desta data, 8 de abril, para a celebración do Día Internacional do Pobo Xitano recorda o congreso xitano celebrado o mesmo día de 1971 en Londres no que se instituíu a bandeira e o himno xitanos. A designación como Día Internacional do Pobo Xitano tivo lugar noutro congreso internacional celebrado en Varsovia en 1990.

Desde a Fundación Secretariado Xitano, subliñan que 2013 foi designado como “Ano Europeo dos Cidadáns” e é por iso que este 8 de abril consideran que é unha boa ocasión para recordar e para reclamar “a cidadanía dos xitanos e xitanas españois, como cidadáns nacionais pero tamén como cidadáns de pleno dereito da Unión Europea”. Pero garantir os dereitos cidadáns tamén require ter garantidos previamente os dereitos sociais, que a actual crise está arroiando de xeito implacable. Comezando polo emprego, mentres a xa de seu alta taxa de paro do conxunto dos cidadáns se duplicou nos últimos 5 anos, “para a poboación xitana practicamente triplicouse”.

Boas ferramentas, pero máis compromiso necesario
A Fundación Secretariado Xitano sinala que “os importantes avances na inclusión social e na conquista da igualdade da comunidade xitana española nas últimas décadas están sufrindo un deterioro acelerado e alarmante”. Entre os reproches á administración estarían a falta de compromiso cos plans de inclusión ou no propio Plan de Desenvolvemento Xitano. “Agrávase xa que logo a situación dobremente para a poboación xitana, ao adelgazar as prestacións sociais do Estado do Benestar, pero tamén aquelas máis específicas que buscaban paliar as diferentes condicións de partida dunha comunidade secularmente excluída”, lamentan. Ao tempo, recordan que a Unión Europa e o Estado español como estado membro contan desde hai un ano “cunha boa ferramenta de integración e cohesión, as Estratexias Nacionais de Inclusión da Poboación xitana 2012-2020”. Esperan, xa que logo, que este instrumento “non quede en papel mollado”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*