‘Barcos en miniatura’

Nova mostra no Museo do Mar, en Vigo.

Inaugurouse recentemente no Museo do Mar un novo espazo adicado principalmente ao maquetismo naval. O público pode ver varias xoiais construídas a súa maioría por Santiago Signo (1930-2010), un vigués perito industrial de profesión, pero maquetista naval de corazón, cuxa colección está depositada na súa totalidade neste museo.

A mostra expositiva ordénase en tres salas. A primeira delas, a planta baixa, componse por seis maquetas que reflicten as diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais de Galicia. Todas elas veñen acompañadas dunha explicación técnica, e as de Signo, ademais, do plano e alzado da embarcación feitos polo propio maquetista. Dentro destas seis miniaturas destacan a gamela confeccionada por Marisa Pérez Lorenzo –nave moi primitiva de forma cuadrangular habitual de A Guarda e Coruxo- e a dorna –a embarcación máis senlleira e representativa de Galicia e posiblemente a única que se relaciona coas embarcacións nórdicas pola súa semellanza-.

As outras catro réplicas, construídas pola man de Santiago Signo son: ‘Julia López’, inspirado nun pailebote noiés de cabotaxe de 1895, ‘Caroucho’, que representa unha embarcación tradicional para a pesca da angula no río Miño, ‘María Teresa’, copia dun patache de 1900 das Rías Baixas dedicado ao transporte de mercadorías, e un galeón das rías.

No tocante á primeira planta, o Museo do Mar amosa unha selección de embarcacións históricas elaboradas por Santiago Signo ao longo da súa vida. En concreto son 8 maquetas entre as que podemos observar goletas baleeiras, buques de pasaxe, clippers e ata un galeón, todo isto complementado por unha carta mariña orixinal. En paralelo a esta sala ofrécese un espazo anexo no que as maquetas de gran dimensión de tres buques pesqueiros están acompañadas por fotografías do artista francés, Lucien Girarden. Estas instantáneas –parte da colección ‘Bateaux de Glace’- mostran como os pescadores galegos enrolábanse nas parellas de arrastreiros na procura do bacallao nas xélidas augas de Terranova.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*