O misterio da adicción ás patacas fritidas

Os científicos rastrexan as curiosidades do que hai por tras do gorentoso aperitivo.

“Cando fas pop, xa non hai stop”, pero por que? Comer patacas fritidas activa os sistemas de recompensa e adicción no cerebro, o cal induce a tomar unha tras outra sen parar. Científicos alemáns observaron esta reacción en ratas e demostraron que esta adicción non pode estar causada só polo seu alto contido en graxas e carbohidratos, como se pensaba.

Algo teñen as patacas fritas para provocar que cando se abre unha bolsa non se poida parar para comer ata acabala. Científicos alemáns estudaron o patrón de actividade que producen no noso cerebro e determinaron que a razón de que sexan irresistibles non reside soamente no seu alto contido en graxa e carbohidratos, como se cría ata agora. Debe haber algo máis que as fai adictivas. Nun estudo publicado en febreiro deste ano na revista PLOS ONE, os científicos analizaron a activación do cerebro de ratas alimentadas con patacas fritas e de ratas alimentadas con insípida comida estándar. Hoxe, os mesmos científicos alemáns presentaron os resultados dos seus últimos estudos, que complementan ao anterior, na 245º Reunión e Exposición Nacional da Sociedade Americana de Química.

Imaxe: SINC - Michal Zacharzewski

“Estendemos o estudo a un terceiro grupo de ratas alimentado cunha mestura de graxas e carbohidratos en proporcións similares ás das patacas fritas”, explica a SINC Tobias Hoch, investigador da Universidade de Erlangen-Núremberg (Alemania) e autor principal.

Os resultados das resonancias magnéticas mostraron que os animais alimentados con patacas fritas experimentaban unha maior activación de rexións do cerebro relacionadas co sistema de recompensa, a inxesta de comida, o soño e áreas motoras. Estas ratas reaccionaron moito máis que as alimentadas con comida estándar ou coa mestura de graxas e carbohidratos, o cal demostra que o efecto adictivo das patacas fritas non pode explicarse soamente polo seu contido calórico, como estudos previos suxerían. “En futuras investigacións intentaremos determinar cal é o composto das patacas fritas que provoca estas reaccións no cerebro”, explica Hoch.

Patacas fritas saudables e coles de Bruxelas adictivas

A gula é un factor clave no sobrepeso e, curiosamente, adoita estar provocada por alimentos cun alto contido en graxas ou azucre. Segundo Hoch, o feito de que a algunhas persoas non lles atraian estas comidas reside en que “posiblemente a intensidade con que se activan os sistemas de recompensa nos individuos varía en función do seu gusto”.

O investigador di que, si a ciencia consegue desvelar cal é o compoñente que activa o circuíto de recompénsaa do cerebro, poderían desenvolverse nutrientes que ao engadirse a estes alimentos inhiban o seu efecto. “Axudaría a bloquear esta atracción polos snacks e os doces”, asegura Hoch.

Doutra banda, o científico engade que ata o de agora non hai evidencias de que se poida facer o equivalente con comida sa e pouco popular. É dicir, non hai plans para engadir ingredientes ás coles de Bruxelas que activen positivamente zonas clave no cerebro.

Referencia bibliográfica:
Hoch T, Kreitz S, Gaffling S, Pischetsrieder M, Hess A (2013) “Manganese-Enhanced Magnetic Resonance Imaging for Mapping of Whole Brain Activity Patterns Associated with the Intake of Snack Food in Ad Libitum Fed Rats.” PLoS ONE 8(2): e55354. doi:10.1371/journal.pone.0055354

FONTE: SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*