Mostra fotográfica de Olga Seoane. No Museo das Peregrinacións de Santiago.
A fotógrafa Olga Seone transmite a súa mirada sobre as celebracións que teñen lugar cada ano arredor do santuario francés de Nôtre Dame de la Mer. Les gens du chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer é o título desta mostra conformada por 40 imaxes, tomadas entre 2008 e 2012, coas que a artista achega o público aos milleiros de peregrinos procedentes de todo o mundo que visitan este templo para participar na festividade en honor ás saintes Maríes ?Salomé e Jacobé? e tamén para renderlle culto a santa Sara Kali, a virxe negra, padroa dos xitanos.
Pode visitarse deica o 3 de novembro na Casa Gótica de Santiago de Compostela.
Actividades
Xunto coa posibilidade de visitar esta mostra aberta a toda a cidadanía, o museo porá en marcha arredor da exposición diversas actividades dirixidas á comunidade educativa e de carácter gratuíto. Actividades que se enmarcan, ao mesmo tempo, na conmemoración do Día Internacional dos Museos, que se celebra o 18 de maio.
Quen somos os Rroma?, un relatorio impartido por Sebastián Porras, vicepresidente da Fundació Pere Closa –entidade privada de Barcelona que ten por obxectivo principal a formación e promoción do pobo xitano– e mais por Irene Jiménez, mediadora intercultural da Fundación Secretariado Gitano de Lugo. A actividade, dirixida especialmente a estudantes universitarios de Educación Social, Traballo Social, orientadores de educación secundaria e público adulto en xeral, realizarase o 14 de maio ás 19:00 horas.
A a actividade Contos Rromané, dirixida por Sebastián Porras e polo guitarrista Manuel Cortés para dar a coñecer a cultura xitana e afondar nos conceptos de igualdade e diferenza. Destinadas a alumnado de 2º e 3º de primaria, as sesións realizaranse os días 14, 15 e 16 de maio. Finalmente, haberá vistas dinamizadas á exposición conducidas por un educador de museos e un educador de apoio de etnia xitana e dirixidas a alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria, ESO e bacharelato, do 22 de maio ao 20 de xuño.