Día Mundial do Medio Ambiente: “Pensa. Aliméntate. Aforra”

O lema proposto pola FAO para a edición 2013 do evento ambiental quere chamar a atención sobre o desbalde de comida: 1,3 billóns de toneladas cada ano.

Unha de cada sete persoas do planeta vaise á cama con fame e máis de 20 mil nenos e nenas de menos de 5 anos morren de fame cada día. Ao tempo, cada ano desperdícianse 1,3 billóns de toneladas de comida, cifra que equivale á produción alimentaria de toda a África subsahariana. Por ese motivo, a Organización Mundial das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente propuxo como lema para o Día Mundial do Medio Ambiente en 2013 “Pensa. Aliméntate. Aforra”, co obxectivo de concienciar a cidadanía para reducir o refugallo e a perda de alimentos.

A campaña paralela quere dar a coñecer o impacto que teñen as nosas decisións alimentarias e como tomalas completamente informados. Actualmente, o noso planeta trata de ofrecer os recursos necesarios para os seus 7 billóns de habitantes (serán 9 millóns en 2050). Nesas circunstancias, o proceder maioritario é moi prexudicial para as fontes naturais de recursos e xera consecuencias negativas no medio que nos rodea.

Se desperdiciamos comida, significa que todos os recursos empregados para producila tamén o son. Así por exemplo, producir un litro de leite supón gastar 1.000 litros de auga ou producir unha hamburguesa 16.000 litros… Todas esas emisións de gas durante o proceso serían en balde se simplemente tiramos os alimentos. De feito, a produción global de alimentos ocupa un 25% da superficie habitable, un 70% de consumo de auga, un 80% de deforestación e un 30% de gases. É, xa que logo, un das actividades que máis afectan á perda de biodiversidade e aos cambios no uso do solo.

Pero, que significa tomar decisións informadas? Elixir aqueles alimentos cuxo impacto ao medio ambiente é menor, é o caso da comida orgánica na que apenas se usan produtos químicos. Ou adquirir produtos en mercados locais nos que se sabe que non foi necesario o transporte e xa que logo, non supuxeron tantas emisións de gas.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*