Escolares, asociacións e veciños de concellos integrados ao proxecto de compostaxe doméstica coñecerán de cerca as instalacións.
Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que terá lugar este 5 de xuño, veciños de dez concellos das provincias de Lugo (6), A Coruña (2) e Pontevedra (2), incorporados nos últimos tempos ao proxecto da compostaxe doméstica que impulsa Sogama, terán a oportunidade de coñecer de cerca o cometido desta empresa pública. Así, entre o 31 de maio e o 18 de xuño, pasarán polas instalacións de Sogama habitantes dos municipios do Saviñao, Sarria, Xove, Meira, Cospeito e Monterroso, na provincia de Lugo; Cariño e Vedra, na da Coruña; e Mos e Cerdedo, na de Pontevedra.
Se ben serán veciños en xeral destas localidades os que durante as próximas xornadas pasarán polo complexo medioambiental de Cerceda, non se concretaron colectivos específicos, sendo esta unha decisión a adoptar polos respectivos concellos. Así, e mentres que uns quixeron que sexan os escolares de primaria os que se beneficien desta actuación, outros apostaron de cheo polos de secundaria ou ben por asociacións (veciñais, de amas de casa, mulleres rurais, etc). A finalidade é que todos eles teñan a oportunidade de comprobar que se fai co lixo xerado nas súas casas e cal é o resultado do labor cidadán no fogar, xa que a reciclaxe só é factible se houbo unha correcta selección de residuos en orixe.
A experiencia da compostaxe doméstica impulsada por Sogama fai tres anos en distintos puntos de Galicia conseguiu aglutinar a preto de 1.400 fogares de máis de 30 concellos, que xa comezan a percibir os beneficios ambientais, económicos e sociais que este sistema trae consigo. A excelente calidade do abono obtido, corroborada en diversas ocasións pola Universidade de Santiago de Compostela a través das análises científicas pertinentes, aconsella estender esta práctica aos ámbitos rurais nos que resulte factible, recuperando así unha tradición con grandes vantaxes. E é que a reciclaxe da materia orgánica non só permite obter un abono natural con excelentes propiedades nutritivas para o solo, senón que posibilita aos entes locais reducir a frecuencia de recollida dos contedores convencionais, diminuíndo o importe da factura que pagan a Sogama pola xestión e tratamento do lixo en masa.