Miren Xare, Neves Seara e Alexandre Prada: premios do Certame de Artes Plásticas para menores de 30 anos

Fallada a XII edición dos galardóns da Deputación de Ourense.

“Easting Northing Elevation”, unha instalación artellada por 40 pezas de escaiola sobre madeira e unha litografía ampliada e transferencia sobre papel onde a autora reflexiona sobre territorios e espazos xeográficos, recibiu o primeiro premio desta XII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense para artistas menores de 30 anos. A súa autora é a moza vasca Miren Xare Álvarez Beracoechea.

En segundo lugar, o xurado escolleu a obra “Golondrinas I. Olor a verano”, un traballo con acuarela e collage de Neves Seara Palacio. E en terceira posición, elixiuse a obra de Alexandre Prada Souto titulada “Cómprate una vida”, un traballo dixital sobre lenzo de 190×150 centímetros. Os dous accésits foron para o ourensán Fernando Durán por unha fotografía analóxica titulada “54,206387,67.222158” e para unha instalación de María del Pilar Boullosa Alvarez, titulada “Belleza forzada”.

A esta XII edición presentáronse máis de cen traballos de todo Galicia e de lugares como Madrid, Sevilla, Asturias, Málaga, San Sebastián, Barcelona ou Bilbao. O xurado estivo integrado por Juan Carlos Meana Martínez, decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Alex Mene Pazos, artista e comisario de exposicións; Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Javier Blanco Sierra (Xavier Riomao), artista e profesor da Universidade de Vigo. Como secretario do xurado actuou Francisco González, director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación. Unha exposición amosará o vindeiro mes de setembro as obras galardoadas e unha selección das presentadas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*