VI Xornadas de Materiais Didácticos: Recursos e materiais didácticos para o ensino en galego

Nova Escola convoca esta actividade para o vindeiro 29 e 30 de novembro.

Será un espazo de eminente carácter práctico a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos existentes en galego que contribúen á normalización da nosa lingua, tanto en centros de ensino como noutras entidades socioeducativas. 

Son coñecidas as dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos, polo que se fai necesaria a difusión dos existentes e das ferramentas que poidan axudar á multiplicación deste tipo de materiais. Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado, preténdese recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias e de recursos. 

Os obxectivos
1. Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…) coa finalidade de contribuír á normalización lingüística. 
2. Reflexionar sobre a relevancia e a necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino. 
3. Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuír á súa distribución. 

Os materiais 

Para pode presentar o material é necesario estar inscrito/a nas Xornadas. Unha vez que se reciban o conxunto de propostas, organizaranse as presentacións en función das temáticas e da tipoloxía de material. Cada autor/a de material disporá dun tempo aproximado de 15-20 minutos para presentar o seu recurso. Para as presentacións dos materiais disporase de ordenador e de conexión a internet. Na realización da presentación, agradécese que se preste especial atención ás seguintes cuestións: 
– Breve presentación do material. 
– Características. 
– Destinatarios. 
– Por que en galego? 
– Breve avaliación.
Se estás interesado/a en dar a coñecer a túa experiencia ou material, convidámoste a que accedas ao enlace “Ficha para difundir material” e envíes o documento que aparece no mesmo a Rocío García Pazos (rocio.garcía.pazos@gmail.com) antes do 1 de novembro.

Os obradoiros
Os obradoiros son sesións participativas onde a/o asistente ten a posibilidade de iniciarse en técnicas de deseño e selección de materiais didácticos e recursos educativos. Na xornada do sábado realizaranse simultaneamente cinco obradoiros, dous en horario de 9:15 h a 11:30 h, e tres de 12:00 h a 14:15 h. As e os participantes deberán sinalar os obradoiros da súa preferencia na folla de inscrición (un entre os desenvolvidos na Sesión A e outro entre os desenvolvidos na Sesión B). 

Datas de celebración: 
29 e 30 de novembro de 2013.

Lugar de celebración:
 
Facultade de Educación (Campus Vida) – Santiago de Compostela. 

Máis información na web de Nova Escola

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*