O evento transcorrerá entre o 5 e o 11 de agosto e as bibliotecas acollerán actividades todo o mes.
Semana de luxo por terras coruñesas para os amantes da banda deseñada. O consolidado certame Viñetas dende o Atlántico está a piques de iniciar, e xa coñecemos os detalles. Entre os convidados: Jan, o creador e debuxante de Superlópez, que chega para celebrar o 40 aniversario do personaxe, xunto co seu colaborador Francisco Pérez Navarro; o autor David Aja, ultimamente de actualidade polo seu traballo á fronte da colección “Ojo de halcón”, encolaboración co guionista Matt Fraction; Francesc Capdevila, alias Max, todo un referente da historieta española e ganador do ‘Premio Nacional del Cómic de 2007’; Susanna Martin, autora da novela gráfica “Sonrisas de Bombay”; Enrique Fernández, nominado ao Premio á Mellor obra de autor español de 2012 do Salón Internacional do Cómic de Barcelona por “Aurore”.
Estará tamén neste Salón do Cómic herculino todo un veterano da historieta galega: Fausto Isorna. E de máis arriba dos Pirineos chegan dous auténticos referentes: Baru, gañador do Gran Premio de Angoulême de 2010 a toda unha carreira e Frank Le Gall, creador da aclamada saga de aventuras “Théodore Poussin”.
Ademais, o espazo expositivo contará cunha mostra comisariada por Toni Guiral que afonda na relación entre o mar e a historia dos cómics, e con outra coordinada por Antonio Martin, que fai retrospectiva precisamente do popular e entrañable personaxe creado por Jan: Superlopez.
Por outro lado, as bibliotecas municipais da Coruña aproveitan o evento para poñer en valor todo o seu fondo de banda deseñada. Haberá mostras bibliográficas, obradoiros, proxeccións e encontros con autores. Podedes ver o programa de actividades na bitácora FanCómic.