ForuMáxico

No Fórum Metropolitano da Coruña, os días 14, 21 e 28 de setembro.

Dani García, Mago Vituco e Javier Muro presentan tres espectáculos dirixidos sobre todo aos máis pequenos, espectáculos cheos de humor, teatralidade e maxia. ForuMáxico contará con tres espectáculos dirixidos a un público a partir de 3 anos que se realizarán en setembro -unha vez iniciado o curso escolar- durante tres sábados -os días 14, 21 e 28- ás 19.00 horas.

Todos os espectáculos terán unha duración aproximada dunha hora. As entradas para o ciclo ForuMáxico, incluído dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, custan 5 euros por actuación, aínda que existe o abono 3 familiar por 12 euros. As entradas pódense adquirir a través das canles habituais:

– Despacho de entradas da praza de Ourense (pago en efectivo): de luns a venres, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.

– Fórum Metropolitano (pago en efectivo): o mesmo día da función, unha hora antes.

– Televenda: 902 504 500 – www.servinova.com.

DANI GARCÍA

Co espectáculo Acción, de Dani García, comezará o 14 de setembro o ciclo ForuMáxico. A orixinalidade, a comedia e o drama xúntanse coa maxia neste espectáculo para que o público pase un momento dos que non se esquecen. Efectos de maxia coa mente, con alimentos e mesmo co propio corpo do mago, sacaranlle ao espectador un sorriso e demostraranlle que todo é posible.

MAGO VITUCO

O 21 de setembro, Mago Vituco presenta, no Fórum Metropolitano, o seu espectáculo O documental máxico. Nun estudio de televisión moi peculiar grávase un documental. O mundo da maxia é a temática, pero neste estudio non funcionará todo como era de esperar. Mentres, unha maga ilustrará con fantásticos trucos as explicacións da presentadora, as dúas axudadas por un estraño home de negro cuxo rostro se cobre cunha misteriosa máscara. Con moita maxia e comedia da man do teatro, este espectáculo levará o público a coñecer parcelas descoñecidas da historia da maxia. Un espectáculo de maxia diferente e, ao mesmo tempo, un espectáculo de teatro moi máxico, didáctico e divertido.

JAVIER MURO

ForuMáxico clausurarase o 28 de setembro con Javier Muro e Alucina, un espectáculo interactivo público-mago, onde os nenos sairán a colaborar e participar da maxia, creando un divertido ambiente. Aparicións imprevisibles, cordas cortadas e restauradas, panos que cambian de cor… todos os nenos que participan no espectáculo converteranse en protagonistas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*