Avanza o proxecto de compromiso ambiental no fogar iniciado por Sogama hai tres anos na Mariña lucense.
As familias estano facendo ben. Así o avaliou mesmo o laboratorio da Universidade de Santiago que peneirou exemplo de mostras de compost doméstico chegadas de varios municipios e subliñou a súa calidade. E son xa máis de 1700 as familias comprometidas co proxecto, iniciado de xeito experimental hai tres anos en cinco municipios da Mariña (Alfoz, Barreiros, Trabada, Lourenzá e Cervo). A día de hoxe a iniciativa estendeuse xa a medio cento de concellos nas catro provincias.
Unha boa práctica que, ademais, para a meirande parte dos fogares non lles supuxo un esforzo adicional, xa que se trata de recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a separación de desperdicios orgánicos para alimento do gando e/ou a elaboración de abono. As familias adheridas á iniciativa recibiron no fogar cadanseu composteiro de 360 litros de capacidade, fabricado con material reciclado e reciclable.
Aforro para os concellos
Alén dos beneficios medioambientais derivados da reciclaxe da materia orgánica en orixe, engádense os económicos para as arcas locais: evitando o depósito dos restos orgánicos nos colectores verdes convencionais, os concellos poden formularse reducir a frecuencia de recollida, cun elevado custo no medio rural debido á alta dispersión da poboación e propiciando ao mesmo tempo a redución de emisións de CO2 derivadas do transporte.
Na mesma liña, e toda vez que a fracción orgánica supón como media arredor do 40 por cento da composición media da bolsa de lixo, o feito de que esta non sexa introducida nos recipientes xenéricos e se procese na propia vivenda, contribúe en boa medida a minorar a cantidade de desperdicios entregados nas instalacións de Sogama e, polo tanto, o importe da factura que os concellos adheridos ao seu modelo deben pagar.
O éxito desta iniciativa confírmano así tamén as novas solicitudes de introdución doutros concellos, así como nos xa adscritos se vén solicitando a súa extensión a novas vivendas, posibilitando desta forma que cada vez sexan máis os fogares que se integren nesta iniciativa, prioritaria por outra banda na xestión sostible dos residuos urbanos e que aglutina os principios básicos que deben conducila: a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe.