Diferentes actividades e lembranza para as obras e autores gañadores neste cuarto de século.
Manuel García Barros (16/11/1876, Berres – 11/04/1972, Callobre) é un dos escritores máis significativos da literatura galega do século pasado, aínda que tamén adicou gran parte da súa vida ao xornalismo e a defender e potenciar a cultura do país.
O Premio de Novela Manuel García Barros “Kenkeirades” foi creado polo Concello da Estrada no ano 1989 co obxectivo de render homenaxe á memoria deste insigne escritor e galeguista estradense e de espallar a súa obra e pensamentos.
Xa que logo, este 2013 cúmprese o XXV aniversario do certame, motivo polo cal a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Estrada presentaron un programa de actividades para conmemorar o XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros. No acto participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Carlos Lema, da editorial Galaxia, e mais o alcalde da Estrada, José López. A primeira das iniciativas é a posta en marcha da web www.premiosgarciabarros.com, como nova ferramenta de divulgación do certame. En segundo lugar, celebrarase un evento conmemorativo o vindeiro mes de outubro no que se reunirán os gañadores das 25 edicións do premio, así como representantes das distintas editoriais que publicaron as novelas vencedoras. Finalmente, na recta final do ano, celebrarase o tradicional evento de entrega do premio á escritora Anxos Sumai, gañadora desta vixésimo quinta edición, coa novela A lúa da colleita.
Na web pode atoparse información sobre os 25 gañadores ata a data e sobre o propio Manuel García Barros.