A outra cara da vida: cultura funeraria, onte e hoxe

Mostra que inclúe máis dun cento de pezas arqueolóxicas funerarias orixinais utilizadas ao longo da historia.

Na Domus, entre o 6 de setembro e o 27 de outubro.

Os Museos Científicos da Coruña presentan na Domus a exposición titulada A outra cara da vida, unha mostra sobre a cultura e os rituais funerarios desde o Paleolítico até a actualidade. A colección inclúe máis dun centenar de pezas arqueolóxicas funerarias orixinais, que cobren un amplo período histórico. Entre as pezas, atópase unha máscara exipcia de 1500 a.C.

Con esta exposición quérese achegar a todos os públicos a cultura funeraria e crear un espazo que convide á reflexión sobre a outra cara da vida, a morte. A mostra, a través de diferentes ámbitos funerarios, analiza de xeito pedagóxico e lúdico, á vez que crítico e reflexivo, o concepto da morte.

Ámbito 1 – A Prehistoria
Os primeiros rituais funerarios aparecen ao longo do Paleolítico Superior e convértense nunha característica fundamental en todas as sociedades humanas. Neste ámbito, o visitante introdúcese nun mundo prehistórico e nos primeiros rituais funerarios: dunha cova natural, ás cámaras sepulcrais dos dólmenes; obxectos persoais, xoias, ferramentas e cerámica, permitirannos explicar a cultura e as tradicións destas sociedades prehistóricas.

Ámbito 2 – Historia Antiga
Coa aparición das primeiras civilizacións e dos estados introducíronse novos rituais funerarios influenciados polas novas relixións e as novas crenzas no máis aló, a aparición das urnas ou o proceso de momificación. Aparecen as primeiras obras literarias e manuais sobre os rituais funerarios. “O libro dos mortos”, texto funerario composto por un conxunto de fórmulas máxicas, axúdanos a entender e estudar a sociedade do mundo clásico exipcio.

Ámbito 3 – O Mundo Clásico
Grecia e Roma caracterízanse pola práctica durante a súa historia, de dous rituais funerarios: a inhumación e a incineración. O culto aos mortos consolídase. Era deber da familia manter as tumbas e celebrar os rituais anuais en honra dos defuntos, para que os seus espíritos non perseguisen aos vivos como espectros. Cada aniversario era necesario visitar a tumba, realizar libacións e ofrendas de alimentos en vasos furados para que puidesen chegar ao defunto que, mesmo enterrado, seguía necesitándoos para renovar a súa forza.

Ámbito 4 – Península Ibérica
Os íberos, os celtíberos ou a cultura islámica son pobos que pasaron e deixaron rastro dentro da cultura funeraria na Península Ibérica: xoias, armas e arte funeraria caracterizan estas culturas. O visitante poderá descubrir a orixe dos rituais actuais do mundo islámico influenciados polo Corán.

Ámbito 5 – A actualidade
A práctica funeraria actual é especialmente sensible ao pluralismo relixioso e de crenzas. As posibilidades dos rituais hoxe en día son amplas. Este ámbito quere ser unha guía que permita ao visitante coñecer as prácticas funerarias e as crenzas que hoxe en día están presentes na nosa sociedade e, ao mesmo tempo, ofrece ferramentas e recursos para coñecer esta diversidade.

Máis información na web da Domus

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*