Celiaquía

Preguntas e respostas sobre a enfermidade celíaca.

Autora: Maria Luisa Arroba Basanta. Pediatra de Atención Primaria. Madrid

Que é a enfermidade celiaca?
A celiaquía é a intolerancia permanente ás proteínas do glute da alimentación.

É alerxia ao trigo ou á fariña?
Non. O glute da alimentación induce, en individuos xeneticamente predispostos e con factores ambientais propicios, unha enfermidade crónica autoinmune e multisistémica.

Nos individuos que non o toleran, o glute dá lugar a unha inflamación intestinal que dificulta a absorción de nutrintes (principios inmediatos, sales minerais e vitaminas). Isto pode levar a estados carenciais que causen múltiples síntomas.

Que é o glute?
O glute é unha proteína presente nalgúns cereais como trigo, centeo, cebada, triticale e, quizá, avea; pero non no millo nin o arroz.

Nácese coa enfermidade?

Non, pode presentarse a calquera idade da vida. É condición imprescindible inxerir glute durante un tempo. Os seus síntomas varían moito (afectación ou non do peso, do crecemento, cansazo, malestar, síntomas cutáneos, irritabilidade, etc), e tamén poden parecer en nenos sans.

A prevalencia nos europeos é do 1% e é máis común nas mulleres cunha proporción 2:1.

Pódese previr?

A ausencia de lactancia materna, a inxestión de doses elevadas de glute así como a introdución precoz do mesmo na dieta, a presenza de infeccións bacterianas ou virais ou o aumento da permeabilidade intestinal de persoas susceptibles, invocáronse como factores de risco para o seu desenvolvemento.

Doutra banda, están aparecendo publicacións científicas que demostran menor prevalencia de enfermidade celíaca cando se introduce o glute en pequena cantidade mentres o bebé recibe lactancia materna entre os 4 e os 6 meses de vida (o antigo “rebouxo” de pan).

Como se diagnostica?

O diagnóstico de sospeita faise polos síntomas, a exploración, pertencer a grupos de risco e unha analítica.

A proba de ouro para o diagnóstico definitivo é a biopsia duodenoxexunal, que sempre se fará antes de quitar o glute da dieta. As biopsias adóitanse facer por endoscopia, así é máis fácil coller moitas mostras e o resultado é máis fiable.

En que consiste o tratamento?

Consiste nunha alimentación sa e equilibrada, sen alimentos que leven glute, adaptada ás necesidades de cada neno e costumes da familia.

A dieta exenta de glute toda a vida conduce á normalización clínica e funcional, así como á reparación da lesión intestinal.

Os produtos manufacturados teñen risco de levar glute, aínda que sexa moi pouco. Por iso, unha dieta a base de alimentos naturais (carnes, peixes, ovos, leites e derivados, legumes, froitas, verduras, hortalizas e cereais sen glute coma o millo ou o arroz) é mellor e máis fácil de levar no día a día. É preferible evitar produtos a granel, sen etiquetar ou artesanais, porque non podemos coñecer os seus ingredientes.

Na práctica?
É bo contactar coa Federación de Asociacións de Celíacos de España (FACE). Estas informan sobre moitos aspectos prácticos: lexislación, axudas, campamentos, lecer e ofrecen a actualización permanente sobre investigación e expectativas en celiaquía. Todo iso axuda a manexar a enfermidade e a dieta.

Doutra banda e aínda que o momento do diagnóstico poida parecer unha mala noticia, trátase dunha enfermidade “moi agradecida”. O que máis custa é o cambio de hábitos; unha vez establecida a dieta sen glute os nenos melloran e son capaces de levar unha vida normal.

NOTA: Recomendamos tamén a web da Asociación de Celíacos de Galicia

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*