O diagnóstico nos problemas de conducta infantil

Imaxe: wikipedia
As condutas e as emocións na infancia e a adolescencia apréndense en interacción e, xa que logo, toda a familia é corresponsable nalgunha medida desta aprendizaxe.

Autor: Antonio Ortuño Terriza. Psicólogo Clínico Infantil. Centro de Psicología Familias Intelixentes. www.familiasinteligentes.com

As condutas e as emocións na infancia e a adolescencia apréndense en interacción e, xa que logo, toda a familia é corresponsable nalgunha medida desta aprendizaxe. Nesta aprendizaxe recíproca, cando as situacións de conflito o invaden case todo, os fillos non son os únicos responsables da situación, e por iso hai que ser moi cautelosos á hora de etiquetar ou diagnosticar os seus comportamentos.

É frecuente atopar familias que consultan os problemas de comportamento nos seus fillos aos profesionais da saúde, na maioría dos casos, referidos a que se “porta mal”, non atende, non obedece, non respecta as normas. É lóxico; os pais queren facer ben o seu papel, buscan que alguén lles dea solucións, que lles expliquen por que o seu fillo se comporta así e, sobre todo, que poden facer eles. E a primeira solución por parte dos profesionais sería realizar unha avaliación que abrangue o contexto educativo familiar do menor, e non só analizar, investigar, valorar ou centrarse na conduta do menor para a procura dun diagnóstico exclusivamente.

Hai que frear a tendencia a etiquetar ou diagnosticar certos problemas da conduta infantil e adolescente sen asegurarse de que eses nenos están recibindo o que realmente necesitan: un amor incondicional e un control respetuoso por parte de seus proxenitores. Aforraríanse moitas probas diagnósticas, derivacións a centros de menores, electroencefalogramas e tomas de medicación se se lles axudase previamente ás familias a cumprir a súa función. Os profesionais que atenden os problemas de conduta en primeira liña, como o profesorado e os pediatras, teñen unha importancia vital. Se no seu traballo diario se atopan con pais e nais que non teñen os recursos educativos necesarios para atender as necesidades dun menor, en lugar de centrar toda a atención no cerebro do neno, “este neno ten algo”, e iniciar todo un fatigoso camiño de profesionais e probas, débese ofertar o adestramento deses recursos educativos á familia.

Para intentar detectar un problema psicolóxico, en calquera proceso diagnóstico, sería moi eficiente responder a certas preguntas relacionadas co contexto educativo familiar dese menor:

Síntese querido e amado incondicionalmente polos seus pais?

Experimenta coidado, atención e protección?

Aténdese ás necesidades do menor?

Percibe o fillo dispoñibilidade por parte de seu pai e nai?

Creouse un vínculo afectivo que achega seguridade?

Están os proxenitores preparados e comprometidos para exercer unha crianza sa e respetuosa?

Está o fillo orgulloso de seus proxenitores?

Son predicibles, cribles e coherentes as prácticas educativas?

Exércese a autoridade de xeito empático e amable?

Pódeselle dicir NON ao fillo sen discusións nin manipulacións?

Móstrase confianza cada vez que o fillo ten que tomar decisións en situacións que os proxenitores non controlan?

Participa o menor na toma de decisións, permitindo a negociación e establecendo compromisos de forma cooperativa?

Son coherentes cumprindo o que se di?

Foméntase a responsabilidade do fillo conforme ao seu desenvolvemento evolutivo?

Manéxanse as provocacións (rabietas, conflitos) de xeito respetuoso?

Hai ausencia de gritos, discusións, castigos?

En definitiva, existe bo trato e boas prácticas educativas?

Por que os nenos teñen que pasar un calvario de probas diagnósticas e entrevistas con diferentes profesionais, mentres a seus proxenitores non se lles dota de ferramentas educativas? Os nenos poden necesitar un psicólogo, un neurólogo, un psiquiatra. Pero o que é seguro é que… necesitan uns pais!

Os profesionais deberían estar formados para previr todo este percorrido tedioso que ás veces teñen que sufrir os nenos. Os nenos, o que necesitan primeiro é a seus proxenitores. Para que o fillo cambie, primeiro han de cambiar os pais e nais. O neno tense que percibir a si mesmo, sempre e en todo momento, como parte da solución, e non como o problema. E os diagnósticos e as etiquetas sinalan o neno, e só o neno. Reduzamos as etiquetas na conduta infantil, por favor!

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*