Os nenos que traían Deus e as cegoñas, a ciencia na escola durante a ditadura

Analizan o contido científico dos libros escolares durante o franquismo.

Entre 1939 e 1959, os nenos e nenas de seis a dez anos utilizaban libros de lectura nas escolas que, sumados ao conxunto de manuais escolares, completaban a súa formación. Unha investigación da UNED analizou o contido científico dunha mostra destes textos, concluíndo que este era manipulado e afastado da realidade para enxalzar os valores da ditadura, como o predominio do rural e a autosuficiencia económica.

“España é de abundante riqueza porque o quixo Deus. Na variedade dos seus climas prodúcese canto se necesita para a vida. España, a túa patria, está dotada pola natureza de todo o que se require para ser unha nación grande e libre”. Afirmacións deste tipo atopábanas os estudantes de ensino elemental nos libros de lectura que utilizaban nos seus colexios entre 1939 e 1959, durante a primeira etapa do franquismo.

Investigadores da UNED analizaron 19 destes manuais escolares, os máis representativos, para pescudar de que forma trataban cuestións científicas, relacionadas con ciencias naturais.

“Os libros de lectura foron un xénero textual moi popular e apreciado polos inspectores, que eran tamén os seus autores e polos mestres, debido á súa natureza amena”, explica Kira Mahamud, profesora no Departamento de Historia da Educación e Educación Comparada da UNED e autora principal do estudo.

A análise revela que unha das cuestións máis controvertidas era a explicación de como nacen os bebés. Nun dos textos describíase así: “E o milagre realizouse. Din que alguén viu voar unha cegoña moi cargada cun canastrelo suspendido do pico”. Noutros libros, o fenómeno biolóxico vinculábase á vontade divina.

“Foi un dos coñecementos científicos máis manipulados e afastados da realidade, o que evidencia que o libro de lectura era un instrumento ao servizo do poder”, asegura Mahamud.

Reivindicación do rural
O estudo, publicado na revista History of Education & Children’s Literature, tamén se detén en como se abordaban os coñecementos de xeografía nestes textos. Lonxe de profundar nas súas explicacións científicas, as paisaxes e accidentes xeográficos exaltábanse e idealizaban como creación de Deus e orgullo da patria.

A isto sumábase a reivindicación do rural, en detrimento do urbano, típico de ideoloxías fascistas. “Non fuxas do campo tralo engado dunha profesión liberal ou fascinado polo brillo mentiroso da cidade”, ordenaba un dos textos.

Á hora de explicar fenómenos naturais como o son das ondas, os libros afastábanse de razoamentos científicos e axudábanse de metáforas alegóricas deste tipo: “Por que soa así o mar, dixo avoíña que o mar soa así porque Papá Deus cóntalle contos ás gaivotiñas, como ela a nós, e cando os contos son de medo ou de ogros, o mar soa máis e parece que se enfada”.

“A transmisión de coñecementos de ciencias naturais fíxose de tal forma que, lonxe de constituír un perigo ou unha ameaza para a ideoloxía nacional-católica, reforzouna. Estes libros eran unha especie de catecismo político-relixioso”, resume a profesora.

A posición inferior das Ciencias Naturais

A investigación repasa a lexislación educativa vixente nese período, marcada pola lei de 1945 sobre educación primaria. Esta lei dividía as materias en tres grupos de coñecementos: instrumentais, formativos e complementarios. Mentres Xeografía e Matemáticas pertencían ao grupo formativo, as Ciencias Naturais encadrábanse no grupo complementario, concedéndolles unha posición inferior.

Os expertos, membros do Centro de Investigación MANES, están analizando agora o contido dos manuais escolares entre 1959 e 1975 “o tardofranquismo e o principio da Transición”, prestándolle atención á dimensión política que se oculta tralo aparentemente sinxelo e inocente libro de texto.

Referencia bibliográfica:

Kira Mahamud. “Mother Nature at the service of the fatherland. Scientific knowledge in primary education reading books during the Franco dictatorship (1939-1959)”, History of Education & Children’s Literature, VII, 2 (2012), ISSN: 1971-1093.

Fonte: Axencia SINC / DivulgaUNED

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*