Alumnado e antigos alumnos/as da USC, así como persoal de administración e servizos e docente e investigador da Universidade compostelá, son os destinatarios do III Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson, acción coa que a USC tenta promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 4 de outubro.
As imaxes, que se entregarán en formato dixital cunha resolución mínima de 300 ppp e un tamaño A3 ou A4, presentarán como temática cuestións que teñan unha relación directa coa muller dende diversas perspectivas (visibilización do traballo, mulleres e ciencia, ruptura de estereotipos de xénero,…). Premiarase a creatividade, innovación e impacto da imaxe.
O Xurado seleccionará as vinte e cinco fotografías de maior calidade técnica e artística sempre que se axusten á temática establecida na convocatoria. Con elas realizarase unha exposición itinerante por diversos centros da USC. De entre estas, o xurado seleccionará as tres mellores que se repartirán un primeiro premio de 1.000 euros de dotación económica (a imaxe utilizarase ademais como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres en 2014), un segundo de 800 euros e un terceiro dotado con 500 euros.O certame toma prestado o nome dunha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, cunha destacable obra na que se inclúe a súa visión persoal da muller galega dos anos 20. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á
web da Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade.
Fonte: Xornal USC