E a mellor proposta para o Hansel e Gretel é….

Iratxe López de Munáin gaña o Premio Europeo de Ilustración ‘Cociña de Contos’.

O traballo de Iratxe López de Munáin chegou á final, xunto a outros catro (un deles elixido por votación popular en Facebook), tras un proceso de selección previa entre os 161 presentados procedentes de toda Europa. Finalmente, o proxecto desta ilustradora, residente en Barcelona, foi o elixido polo xurado formado por José Chavete Rodríguez, catedrático de Belas Artes e coordinador
do Máster “Libro Ilustrado e Animación Audiovisual”, da Universidade de Vigo; Roger Olmos, ilustrador; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra; Belen G. Freijeiro, Mafalda Milhões e Tomasz Klejna, directores de arte de OQO, O Bichinho de Conto e Tako, respectivamente.

Iratxe López de Munáin colabora en diferentes proxectos con editoriais e estudos de deseño, á vez que imparte talleres de ilustración por todo o mundo. Ademais, son numerosas as exposicións internacionais que mostraron o seu traballo, unha das últimas, celebrada en Emiratos Árabes. Conta con experiencia en álbum ilustrado infantil, tanto como autora dos textos como das ilustracións; é o caso de Rapuncel, libro editado por OQO editora, en 2012.

Os outros catro finalistas son Josep Rodés (Barcelona), Sandra de la Prada López (Barcelona), Anna Stosik (Polonia) e Natalia Uryniuk (Polonia), esta última tras converterse a súa ilustración na máis votada en Facebook: un total de 1.435 “Gústame”, en tan só unha semana. O premio, convocado coa participación do Concello de Pontevedra, conta cunha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a gañadora ilustrará o álbum que se editará en galego, español, portugués e polaco. O libro presentarase no Salón do Libro de Pontevedra 2014, que colabora con Cociña de contos. Europa á carta.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*