O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra os vinte anos cun abano de actividades, incluídas visitas guiadas á colección e itinerarios polo edificio.
Entre outras, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), con sede en Santiago de Compostela, organiza este domingo 29 de setembro diversas propostas para dar a coñecer entre a cidadanía os fondos do centro e tamén a arquitectura do edificio. Con este obxectivo, entre ás 11:00 e as 20:00 horas organizaranse itinerarios múltiples a través dos que se propoñerán percorridos polo CGAC na procura de achados inesperados, con agasallos para os participantes.
Acompañados de persoal do centro, os que se acheguen o domingo tamén terán a posibilidade de visitar a colección propia do CGAC e de aprender algo máis sobre o seu funcionamento, como a xestión da adquisición de obras, os artistas que integran o fondo ou as principais pautas de conservación. O punto de encontro para as visitas, que se realizarán ás 12:00, ás 13:00 ás 17:30 e ás 18:30 horas en grupos de 15 persoas máximo, será a recepción do CGAC.
A xornada do domingo rematará coa presentación de dúas obras. Ás 18:00 horas será a quenda do libro Algo ‘Algo máis de cor. Terapia habitación de hospital’, un proxecto da asociación cultural Sen Marco coa artista Mónica Alonso. Finalmente, ás 19:00 horas terá lugar a presentación do catálogo da exposición ‘Eugenio Granell e o cine: unha película de vinte minutos’, coa participación de Natalia Fernández Segarra, directora do Museo Fundación Eugenio Granell, e de Eduardo Valiña, comisario da exposición.
Programa completo de actividades do vinte aniversario do CGAC