O prazo para a admisión dos traballos de narración aberto deica o 31 de decembro.
Dotado con 3.000 euros para a dúas modalidades, o XI Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.
Ao premio poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas.
As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI.
A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN”.
Unha vez fallado o premio de narración (no primeiro trimestre de 2014) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.