A Consellaría de Cultura e Educación impulsa unha programación especial para celebrar durante toda esta semana o Día Internacional das Bibliotecas (que se conmemora mundialmente o 24 de outubro). As actividades estarán centradas nas bibliotecas nodais da Coruña, Lugo, Vigo, Pontevedra e Compostela, e na Biblioteca de Galicia, que ten a súa sede na Cidade da Cultura. A programación deseñada pola Secretaría Xeral de Cultura festexará a importancia da lectura na formación do ser humano: espectáculos de monicreques, obradoiros, visitas guiadas, sorteos de libros e contacontos son algunhas das moitas actividades das que poderán gozar os que se acheguen estes días ás bibliotecas.
Deixámosche aquí unha pequena guía desta programación:
Obradoiros e contacontos
–22 de outubro (18.30 horas) na Biblioteca Ánxel Casal, Luz Martínez achégalle os clásicos literarios a nenos e nenas de 6 a 8 anos.
–23 de outubro (17.30 horas) na biblioteca nodal de Ourense, Migallas Teatro leva a actividade “entre arrolos e contiños”, para crianzas de entre un e catro anos e para os adultos que as acompañen.
–24 de outubro (18 horas) na biblioteca nodal de Vigo haberá sesión de contacontos a cargo de Cucarandainas, para público familiar.
-O 25 de outubro na biblioteca nodal de Pontevedra actividade ‘Os contos favoritos de Lonxedetodo’, que vai acompañada dunha exposición bibilográfica na sala infantil. Ese mesmo día o contacontos José Campanari estará ás 18 horas na biblioteca de Lugo. Por último esa xornada (tamén ás 18 horas) haberá contacontos na sala infantil da biblioteca nodal de Vigo.
-O 26 de outubro, ás 12 horas, a Biblioteca García Garcés da Coruña ofrecerá a sesión ‘Contos para a igualdade’ dirixida a nenas e nenos de máis de tres anos. O mesmo día á mesma hora a Asociación de Persoas Xordas de Galicia interpretará na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela contos na lingua de signos e en voz alta para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Mentres, na Biblioteca de Pontevedra, Migallas Teatro, levará música á biblioteca de Pontevedra. Na de Vigo, tamén ás 12.30 horas, haberá un obradoiro de banda deseñada.
Bookcroosing e premios
-Xoves 24, a biblioteca González Garcés da Coruña vai realizar unha liberación masiva de libros, a partir de obras doadas. A biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra tamén se vai sumar a esta iniciativa.
En canto aos premios, a biblioteca Ánxel Casal de Compostela e a Garcés da Coruña tamén van agasallar aos seus usuarios o día 24 con lotes de libro de agasallo. Esta última biblioteca tamén vai entregar rifas ese día aos usuarios para o sorteo dunha cesta de libros. Tamén o día 24, a biblioteca nodal de Ourense sorteará ás 12.30 horas cinco lotes de libros.
Exposicións:
-Biblioteca Ánxel Casal: acolle a mostra “Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925-1975)” e tamén a exposición de libros infantís “Comer é san e divertido”.
-Biblioteca González Garcés: exposición sobre os 25 anos do Premio de Poesía Lorenzo Baleirón.
-Biblioteca de Pontevedra. Ten dous proxectos esta semana: un dirixido ao público miúdo (Historias de biblioteca) e outro para adultos (Libros sobre libros). A partir do 24 de outubro e durante un mes, este centro tamén expón “A biblioteca pública e as súas ferramentas de traballo”.
-Biblioteca Nodal de Vigo. Aquí, dende o 24 de outubro e ata o remate do mes, poderás ver unha selección de escritores galegos en Vigo e para os máis pequenos “A biblioteca nos contos”.
Xornadas de portas abertas
Durante este semana, as bibliotecas tamén ofrecen visitas guiadas e xornadas de portas abertas para darlle a coñecer á cidadanía a súas instalacións e os seus servizos. No caso da biblioteca Ánxel Casal, as visitas serán os martes e xoves pola mañá de 10.00 a 11.00 h e pola tarde de 16.00 a 17.00 horas. As bibliotecas de Lugo e da Coruña acollerán o día 24 unha xornada de portas abertas, con visitas guiadas, no caso do centro coruñés, ás 12.00 e ás 18.00 horas. O mércores 23, a biblioteca nodal de Ourense tamén realizará varias visitas guiadas concertadas e durante toda a semana establecerá un punto de encontro para levar a cabo visitas guiadas para adultos, en horario de 9.00 horas e de 16.00 horas. No caso de Vigo, a xornada de portas abertas será o 24, con visitas guiadas para coñecer a biblioteca ás 12.30 e ás 18 horas.
Para afondar no achegamento á cidadanía, a biblioteca Ánxel Casal tamén chegará o sábado ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, en horario de 8.30 a 13.45 horas, para ofrecer información sobre o centro, exhibir unha mostra da súa oferta bibliográfica e facer socio a todas as persoas interesadas.
- Máis información na Rede de Bibliotecas de Galicia