Actividades didácticas no Museo do Mar para o Curso 2013/2014

museo-mar-vigo“A casa dos vellos mariñeiros”, ”Viaxe ao mundo submarino”, ”O gabinete do naturalista”… Velaquí a oferta do museo vigués.

“A casa dos vellos mariñeiros”. Nesta actividade os participantes transformaranse en pequenos mariñeiros e internaranse no particular mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia; vivirán unha experiencia que lle permitirá coñecer e practicar distintos medios de pesca, navegación e crenzas propias da cultura mariñeira, e, ademais, visitarán o acuario onde descubrirán algúns dos segredos que gardan os peixes e outros seres mariños que alí se atopan.
CURSOS: de 2º ciclo de infantil a 1º ciclo de primaria
DURACIÓN: 60 min. Aprox.

”Coñecendo a cultura tradicional mariñeira”. Durante esta aventura os participantes transformaranse en auténticos mariñeiros tradicionais e experimentarán por eles mesmos diversos aspectos da vida destas xentes: cazarán unha balea, pescarán con diferentes técnicas, levarán un bote como auténticos mariñeiros; ademais visitarán o acuario, onde coñecerán algunhas das especies que se pescaban coas técnicas aprendidas.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 min. Aprox.

“Os segredos arqueolóxicos do Museo do Mar”. Tomando como punto de partida o xacemento castrexo do Museo, esta actividade ofrece a posibilidade de facer unha viaxe no tempo que revelará as complexas relacións entre as persoas que habitaron este castro e o mar.
Os participantes converteranse en arqueólogos e realizarán unha escavación
arqueolóxica fielmente simulada, para despois traballar os resultados nun laboratorio
científico, e, por último, empregando réplicas exactas, experimentarán por si mesmos
algúns dos aspectos do traballo diario das xentes que viviron en época castrexa e
romana.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 min. Aprox.

”Viaxe ao mundo submarino”. Nesta actividade coñeceremos e as distintas formas
empregadas polos seres humanos ao longo do tempo para conquistar o mundo
submarino, coñeceremos as técnicas empregadas xa en Roma para mergullarse
nas profundidades e iremos vendo como estas evolucionaron co paso do tempo; faremos unha inmersión en apnea tal e como se facía en época romana, experimentaremos o que supoñía ser un submarinista no S. XIX e veremos que ocorre cos gases que se respiran nas profundidades do mar, entre outras cousas máis.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. Aprox.

”O gabinete do naturalista” Viaxaremos dende o século XV ao XIX, para coñecer e experimentar como os primeiros científicos naturalistas comezaron a descubrir os fascinantes segredos do océano. ¿Como organizaban as expedicións?, ¿como vivían a bordo?, ¿que aparatos científicos empregaban?, decenas de preguntas cuxa resposta
coñeceremos a través dos obxectos do Museo e que practicaremos no obradoiro
específico co que finalizaremos a visita.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 min. aprox.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*